Boletín 16º | Recuperación económica da UE

01/12/2020 |

Esta semana fixámonos nas últimas respostas da UE á pandemia e nas novas estratexias que van tomando forma dentro da axenda política da Comisión Von der Leyen: a creación dunha Unión Europea da Saúde, unha nova axenda dos consumidores que responda ás necesidades da dobre transición dixital e ecolóxica e a nova Estratexia de Biodiversidade da UE, obxecto da noso noveno encontro virtual “Galicia na recuperación económica da UE”. 

Pola súa parte, a proposta dunha Estratexia sobre as Enerxías Renovables Mariñas pretende dar un pulo á capacidade de produción deste tipo de  enerxía na UE, un ámbito no que o FEMP ofrece actualmente 20 millóns de euros para subvencionar grandes proxectos de innovación.  

No apartado de consultas, destacamos as tres relacionadas co novo obxectivo de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro en 2030, como a revisión do marco para as actividades relacionadas co uso da terra e a silvicultura. Xa a partir de 2021, as emisións destes sectores deben quedar compensadas, como mínimo, por absorcións equivalentes de CO2. 

Por último, destacamos a celebración da 10ª edición do noso programa de especialización en financiamento comunitario, TecEuropa, as pasadas semanas. Preto de 40 entidades galegas participaron nesta edición integramente virtual sobre o novo período financeiro comunitario 21-27 e o instrumento temporal de recuperación “NextGenerationEU”.