Actualidade
Boletín 15º | Recuperación económica da UE
Tras máis de dous meses de intensas negociacións, o Parlamento Europeo conseguiu por primeira vez aumentar o importe do Marco Financeiro Plurianual acordado polos xefes de Estado e de Goberno, facendo así valer o seu dereito de veto. O acordo acadado representa un paso máis na difícil posta en marcha do histórico paquete de recuperación aprobado en verán.
No entanto, a FGE continúa organizando encontros virtuais coa Comision Europea para que Galicia estea ben preparada de cara a execución do gran volume de fondos que pode recibir España. Nos dous últimos celebrados, abordamos o novo concepto de Estratexia de Especialización Intelixente para a Sostibilidade (RIS4) e as oportunidades que representa a economía circular.
Así e todo, no camiño cara a neutralidade climática, ningún territorio pode quedar atrás, polo que estes días se celebra unha nova edición da Semana Virtual das Rexións Carboníferas en Transición, de gran importancia para Galicia ante a posibilidade de peche das súas centrais térmicas. A capacitación e a reciclaxe profesional forman parte dos temas destacados do programa ao igual que na Semana Europea das Competencias Profesionais, celebrada a semana pasada. O novo Pacto Europeo polas Capacidades que a Comisión Europea puxo en marcha supón un amplo chamamento á concienciación sobre a importancia de identificar e promover a adquisición das competencias que demanda a doble transición ecolóxica e dixital.