Actualidade
Boletín 14º | Recuperación económica da UE
Neste número recollemos a mensaxe que quixo mandar a Comisión Europea ás comunidades autónomas: “Para que NextGenerationEU sexa unha realidade, necesitámosvos”. A enorme cantidade de fondos prevista precisa de proxectos maduros en liña coas reformas estruturais recomendadas pola UE, tal e como a Comisión Europea nos explicou no sexto encontro virtual FGE. E tamén proxectos relacionados coas competencias dixitais, a ciberseguridade ou a economía de datos, como quedou patente no encontro celebrado a semana anterior.
No eido sanitario, difundimos as recomendacións europeas sobre como as administracións deben preparar estratexias de vacinación contra a COVID e analizamos dende unha perspectiva galega o estudo do Comité Europeo das Rexións sobre o impacto da pandemia a nivel local e rexional.
Por último, facémonos eco dos debates en torno a como fomentar a transición ecolóxica en dous dos sectores punteiros en Galicia: o da automoción e o marítimo, uns sectores que, ademais, haberán de afrontar as repercusións do brexit nun par de meses. A este respecto, a FGE está a traballar con outras rexións para promover un reparto territorial do futuro fondo europeo de compensación polos efectos da saída definitiva de Reino Unido da UE.