Boletín 13º | Recuperación económica da UE

19/10/2020 |

As institucións comunitarias continúan a dar forma ao Plan de Recuperación para Europa de xeito que poida entrar en vigor en 2021, quedando pendente aínda a aprobación do Parlamento Europeo e as ratificacións nacionais. Os Estados membros, pola súa parte, poden xa enviar os seus borradores de plans de recuperación e resiliencia para acceder ao instrumento de recuperación temporal Next Generation EU. Neste contexto, a Fundación Galicia Europa organizou dúas reunións coa Comisión Europea para abordar o papel de Galicia neste novo plan e asistiu á participación galega no pleno do Comité Europeo das Rexións, onde se reivindicou o papel das rexións no importante desafío que temos ante nós.

Por outro lado, a UE continúa a coordinar as respostas nacionais ante a pandemia tratando de buscar un equilibrio entre a libre circulación dentro da UE e as medidas restritivas para limitar a propagación do virus. Está tamén a desempeñar un papel destacado na investigación dunha posible vacina para a COVID-19 ao ter asinado xa contratos con tres empresas farmacéuticas para asegurar nun futuro o abastecemento de dosis na UE.

Neste boletín, fixámonos, ademais, noutros tres temas de grande importancia para a recuperación económica: a situación e perspectivas do sector turístico, a proposta dun novo Plan de Acción de Educación Dixital e a posta en marcha dun mecanismo de control preventivo sobre o Estado de Dereito.