Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Medioambiente e Clima » Axudas estatais na UE para impulsar un transporte máis sostible

Axudas estatais na UE para impulsar un transporte máis sostible

16/03/2026 |

— A UE simplifica as axudas públicas para impulsar o transporte ferroviario, fluvial e multimodal sostible

Bruxelas, 16 de marzo de 2026. A Comisión Europea adoptou novas normas sobre axudas estatais no ámbito do transporte terrestre e multimodal co obxectivo de fomentar o uso de modos de transporte máis sostibles, tanto para pasaxeiros como para mercadorías. Trátase das Directrices sobre axudas estatais no sector do transporte terrestre e multimodal (Directrices TTM) e do Regulamento de exención por categorías para o transporte (RECT), que actualizan o marco europeo neste ámbito.

Ambos instrumentos entrarán en vigor o 30 de marzo de 2026. O RECT terá vixencia ata o 31 de decembro de 2034, mentres que as Directrices TTM non teñen data límite. Estas novas normas substitúen as directrices de 2008 relativas ás axudas ás empresas ferroviarias e establecen un marco coherente que abrangue distintos modos de transporte sostible, mantendo garantías para evitar distorsións da competencia.

Directrices TTM

As Directrices TTM establecen as condicións nas que as axudas estatais poden considerarse compatibles co mercado interior, sendo necesaria a súa notificación previa á Comisión para a súa aprobación.

Estas directrices:

  • Inclúen todos os modos de transporte terrestre máis sostibles que o transporte por estrada, como o ferrocarril, as vías navegables interiores e o transporte multimodal sostible.
  • Aclaran as posibilidades de conceder axudas tanto á explotación como ao investimento, incluíndo aquelas destinadas á construción e mellora de infraestruturas ferroviarias e fluviais, ou á posta en marcha de novas conexións comerciais.
  • Introducen maior flexibilidade para as axudas que contribúan ás transicións ecolóxica e dixital, como as destinadas a reducir os custos externos do transporte ou mellorar a interoperabilidade dos sistemas ferroviarios.
  • Incorporan medidas para facilitar a entrada de novos operadores e o acceso das pemes ao financiamento, garantindo ao mesmo tempo unha competencia efectiva.

Regulamento de exención por categorías (RECT)

O RECT complementa as directrices ao permitir que determinadas categorías de axudas, especialmente nos sectores ferroviario, fluvial e multimodal, queden exentas da obriga de notificación previa á Comisión.

Este novo marco simplifica os procedementos e permite aos Estados membros conceder axudas con maior rapidez cando se cumpran as condicións establecidas. Isto reduce a carga administrativa e facilita a posta en marcha de investimentos necesarios para avanzar cara a un sistema de transporte máis sostible e eficiente.

Máis información: Comisión Europea

© European Union, 2025

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data