Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Traballo »
Axudas á mobilidade EURES
- As axudas inclúen apoio financeiro directo e tamén outras medidas como formación preparatoria, titorías e un servizo de benvida no país de destino
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2021. As axudas á mobilidade EURES materialízanse a través de Plans Específicos de Mobilidade, que teñen por obxectivo ofrecer asistencia personalizada a todas aquelas persoas que queiran atopar emprego, prácticas ou formación en países da Unión Europea, Noruega ou Islandia. Desta maneira, préstase apoio aos solicitantes en diferentes eidos como o idioma ou o recoñecemento de cualificacións.
CANDIDATOS
Poderán solicitar estas axudas todas aquelas persoas maiores de 18 anos e que sexan nacionais dun Estado membro, Noruega ou Islandia, así como tamén de terceiros países con permiso de residencia nun Estado membro da UE.
As axudas á mobilidade EURES para os solicitantes inclúen apoio financeiro directo como: desprazamento (viaxe e aloxamento), curso de idioma, instalación no novo país, axudas para o desprazamento da familia, recoñecemento de cualificacións profesionais, asignación suplementaria para a reubicación de candidatos con necesidades especiais ou de rexións ultraperiféricas e dietas para traballadores en prácticas e aprendices.
Estas axudas tamén cobren outras medidas como a formación preparatoria (en caso de precisala), titorías e un servizo de benvida no país de destino.
EMPRESAS
Poderán formar parte deste programa todas aquelas empresas legalmente constituídas nos Estados membro, Islandia e Noruega que estean ao día coas obrigas fiscais e laborais. Os postos que poderán propoñer para incluír no programa terán que ser: empregos, prácticas profesionais ou formación de aprendices; cumprir coa lexislación laboral e protección social adecuada; ter unha duración mínima de seis meses no caso de empregos e aprendizaxes e tres meses se son prácticas; e unha xornada laboral de polo menos a metade da xornada completa.
No caso das empresas, existe apoio financeiro directo para establecer un programa de integración para as persoas de nova contratación na empresa, como formación inicial ou cursos de idioma.
TRAMITACIÓN DE SOLICITUDES
- Este tipo de axudas solicítase a través dos Conselleiros EURES de cada provincia. En Galicia, están:
Na provincia de A Coruña, Covadonga López López (eures-coruna.lopez@sepe.es). - Na provincia de Pontevedra están Elisa González Pérez (eures-pontevedra.gonzalez@sepe.es) e Mª. Teresa Serrano Moreno (eures-pontevedra.serrano@sepe.es).
- Na provincia de Lugo, a Xefatura Territorial de Lugo de Emprego (eures.lugo@xunta.gal).
- Na provincia de Ourense, Manual Igrexas Suárez-Noguerol (eures-ourense.iglesias@sepe.es).
As axudas teñen que solicitarse antes de comezar a actividade e antes de saír do país de orixe.
A REDE EURES
A rede de cooperación europea de servizos de emprego, EURES, ponse en marcha no 1994 para facilitar a libre circulación dos traballadores. Desde entón, EURES traballa para garantir a igualdade de oportunidades para toda a cidadanía europea, a pesar das barreiras lingüísticas, as diferenzas culturais, as dificultades burocráticas, as diversas normativas en materia de emprego ou a falta de recoñecemento dos certificados de estudos nos distintos países de Europa.
MÁIS INFORMACIÓN