Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude »Avances no ‘Youth Check’: o proceso da Comisión para ter en conta á xuventude na elaboración das políticas europeas
Bruxelas, 5 de agosto de 2025. A Comisión Europea está a avanzar na implantación do Youth Check, un mecanismo deseñado para garantir que as voces, as necesidades e as perspectivas de mozos e mozas sexan escoitadas e integradas na elaboración das políticas da UE.
Este mecanismo naceu como parte do legado do Ano Europeo da Mocidade (2022) e permite á Comisión avaliar, antes de presentar calquera política clave, o seu impacto potencial sobre a xuventude. Se considera que o tema é relevante para a mocidade, realízanse análises a través de varios formatos, como os “Diálogos coa Xuventude” (EU Youth Dialogue), os diálogos de política xuvenil directamente con comisarios europeos ou as habituais consultas públicas postas en marcha pola Comisión. Así mesmo, o executivo está a recabar máis datos mediante enquisas como a do “Eurobarómetro sobre retos e prioridades da mocidade europea“, no que expresan a súa opinión unha mostra representativa de máis de 25 900 mozos de entre 16 e 30 anos.
Desde este 2025, o Youth Check aplícase no Programa de Traballo da Comisión e a través de diversas direccións xerais xa se está a avaliar o impacto de doce iniciativas específicas sobre a mocidade antes de avanzar na súa posta en marcha no 2026:
- Axenda 2030 do Consumidor (consulta aberta ata o 31 de agosto).
- Reformas ligadas á ampliación da UE.
- Plan de acción do Pilar Europeo de Dereitos Sociais.
- Estratexia antirracismo da UE.
- Estratexia da Unión de Preparación.
- Estratexia para apoiar á sociedade civil.
- Escudo de Democracia Europea.
- Pacto polos Océanos.
- Propostas para o Marco Financeiro Plurianual posterior a 2027.
- Hoja de ruta para empregos de calidade.
- Unión de Competencias.
- Visión para a Agricultura e Alimentación.
© Comisión Europea, 2025.