Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Brexit » Galicia avalía a reserva de axuste para o Brexit xunto a outras rexións afectadas

Galicia avalía a reserva de axuste para o Brexit xunto a outras rexións afectadas

28/09/2023 |

— A Fundación Galicia Europa acolleu unha reunión da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas co obxectivo de avaliar os resultados e perspectivas da reserva de axuste para o Brexit. 

— Galicia coordina desde 2017 o Grupo Operativo para o Brexit da Comisión do Arco Atlántico. 

Bruxelas, 28 de setembro de 2023. O pasado martes, día 19 de setembro, a Fundación Galicia Europa (FGE) acolleu na súa oficina de Bruxelas o último seminario da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM). Os participantes avaliaron os principais resultados e perspectivas da reserva de axuste para o Brexit (BAR), un fondo específico posto en marcha en 2021 e dotado de 5.000 millóns de euros para axudar aos sectores afectados pola saída de Reino Unido da UE.

Máis concretamente, o propósito da reunión foi contrastar o estado actual de execución deste fondo nas distintas rexións e sacar conclusións para unha futura avaliación. Para iso, contou con intervencións de representantes de Flandes (Bélxica), o condado irlandés de Donegal e a rexión de Alta Francia, ademais do xefe de unidade do BAR na Comisión Europea, moderadas polo director de Asuntos Marítimos e Clima da CRPM, Giuseppe Sciacca.

A FGE actuou en calidade de coordinadora do Grupo Operativo para o Brexit da Comisión do Arco Atlántico, un foro creado en 2017 para facer un seguimento das consecuencias tras a decisión de Reino Unido de poñer fin ao seu membresía dentro da Unión Europea. Neste caso, o encontro foi conxunto coa Comisión do Mar do Norte, a outra comisión xeográfica da CPRM afectada. En representación da fundación participou Vanessa Lobo Casas, coordinadoras de Políticas Europeas, encargada de inaugurar e concluír o seminario.

Contexto

A Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) nace no 1973 e reúne a unhas 160 rexións de 24 Estados da Unión Europea e doutros países. Ten entre os seus obxectivos o desenvolvemento máis equilibrado do territorio europeo e orienta a súa acción cara á toma en consideración das necesidades e dos intereses das súas rexións membro nas políticas de gran impacto territorial. 

Céntrase principalmente na cohesión social, económica e territorial, as políticas marítimas e o crecemento azul e a accesibilidade. O encontro celebrado este mes en Bruxelas é previo á 50.ª Asemblea Xeral da CRPM que terá lugar o 26 e 29 de outubro en Creta e na que se abordarán, entre outros, a aplicación da Política Pesqueira Común.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data