Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Reunións de Alto Nivel » Así foi a axenda do presidente da Xunta de Galicia en Bruxelas

Así foi a axenda do presidente da Xunta de Galicia en Bruxelas

24/11/2021 |

  • A xornada de traballo preparada pola Fundación Galicia Europa incluíu catro reunións de alto nivel con altos cargos da Unión Europea, un seminario nas súas instalacións sobre o Xacobeo 21·22 e unha visita ao Manneken Pis, que se atopaba vestido de peregrino con motivo da visita institucional.
  • O presidente valora o interese amosado por coñecer as propostas de Galicia no eido demográfico e a posibilidade de presentalas noutras rexións europeas.
  • Destaca a Axenda de emprego de Galicia que se presentará en xuño de 2022 e que se está a negociar cos sindicatos e empresarios, co obxectivo de sincronizar a oferta coa demanda de postos de traballo.
  • Asevera que Galicia seguirá traballando para manter a chama viva do Camiño e expón a oportunidade que supoñen os fondos europeos para o mantemento e a mellora dos Camiños.
  • Ursula von der Leyen dedica un vídeo ao Xacobeo animando a Europa a percorrer as rutas do Camiño de Santiago.

Bruxelas, de 17 de novembro de 2021.– O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avaliou positivamente a súa recente viaxe a Bruxelas, á que se referiu como unha oportunidade para levar á capital comunitaria os temas que máis preocupan a Galicia.

Así o fixo ao longo dunha xornada de traballo, preparada pola Fundación Galicia Europa, na que mantivo catro reunións de alto nivel con altos cargos das institucións europeas, participou no evento “Xacobeo 21-22: un modo sostible e intelixente de redescubrir Europa a través do Camiño de Santiago” e fixo unha visita ao Manneken Pis, que a fundación vestiu de peregrino con motivo desta visita institucional.

Reunións de alto nivel coa Comisión Europea

Tras manter reunións co director xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea, Marc Lemaître; coa vicepresidenta para a Democracia e a Demografía da Comisión Europea, Dubravka Šuica; co comisario de Emprego e Dereitos Sociais da Comisión Europea, Nicolas Schmit; e co alto representante da UE para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade e vicepresidente da Comisión Europea, Josep Borrell, Feijóo destacou a oportunidade destes encontros para dar a coñecer os avances da Comunidade en materias como o emprego e a demografía e asegurou que Galicia seguirá a ser unha das rexións que mellor executa os fondos europeos dacordo coas estratexias da Unión Europea e de forma eficiente. Non en van, recordou que no tocante aos fondos de cohesión, a Comunidade ten comprometidos o 100% e desembolsados case o 50% dos mesmos.

Sobre demografía, o titular da Xunta referiuse á posta en marcha da lei de demografía galega, ou a iniciativas como a “Tarxeta Benvida” e a gratuidade das escolas infantís en toda a comunidade para os nenos de 0 a 3 anos. “Valoro o interese por coñecer as nosas propostas neste eido”, dixo, ante a posibilidade de presentalas noutras rexións europeas.

En materia de emprego, Feijóo referiuse á Axenda de emprego de Galicia que se presentará en xuño de 2022 e que se está a negociar cos sindicatos e empresarios, co obxectivo de sincronizar a oferta coa demanda de postos de traballo.

Así mesmo, o presidente do Goberno galego abordou co vicepresidente da Comisión Europea a situación que están a vivir algunhas das industrias galegas ante os problemas derivados da abrupta transición enerxética.

“Xacobeo 21-22: un modo sostible e intelixente de redescubrir Europa a través do Camiño de Santiago”

Durante a súa participación na mesa redonda “Xacobeo 21-22: un modelo sostible e intelixente de redescubrir Europa a través do Camiño de Santiago”, organizada pola Fundación Galicia Europa nas súas instalacións, que contou coa participación en directo do vicepresidente da Comisión Europea, Margaritis Schinás, e cun vídeo dedicado ao Xacobeo por parte da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, Feijóo resaltou que os máis de 83.000 quilómetros de sendas xacobeas que vertebran o continente ou os seus máis de 1.200 anos, son unha alegoría de todo canto simboliza a Unión. “Europa é solidariedade e non hai nada máis solidario que o Camiño”, abundou.

Así mesmo, salientou que ao longo destes anos Galicia renovou a súa universalidade e proxección cara ao mundo, reflectida na rehabilitación integral da Catedral de Santiago e no proxecto de Google Arts&Culture para, a través das 4.750 fotografías e vídeos, dos 105 reportaxes visuais e das visitas virtuais a monumentos icónicos, os visitantes sintan o que sinte un peregrino.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego aseverou que Galicia seguirá traballando para manter a chama viva do Camiño, como proba a cifra récord de peregrinos en 2019, chegando aos preto de 350.000.

Nesta mesma liña, referiuse á oportunidade que supoñen os fondos europeos: “Galicia é unha das rexións de maior execución de fondos e non podemos perder esa oportunidade”, dixo, subliñando o mantemento e a mellora das rutas xacobeas como un dos proxectos fundamentais para investir estes recursos; “porque rehabilitar a arquitectura do Camiño é rehabilitar a nosa historia”.

Visita ao Manneken Pis

“Non é a primeira vez que se viste de peregrino, así que podemos dar por feito que a Manneken Pis lle gusta o Camiño Xacobeo e, como non, lle gusta Galicia”. Con estas palabras e un selfie que se fixo viral en pouco tempo, Feijóo inmortalizaba a súa visita ao Manneken Pis, que a Fundación Galicia Europa vestiu para a ocasión co traxe de peregrino doado pola asociación belga de Amigos do Camiño de Santiago.

 

Feijo_camino_xacobeo

Imaxes relacionadas

 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data

Novas relacionadas

Non hai novas relacionadas