Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Economía e finanzas »As recomendacións a España de 2024 no marco do Semestre Europeo céntranse na fiscalidade, a capacidade administrativa e a xestión da auga
Bruxelas, 19 de decembro de 2024
O Consello da UE vén de concluír o proceso de adopción das recomendacións específicas por país no marco do ciclo de coordinación das políticas económicas e de emprego da UE, o chamado “Semestre Europeo´´. No caso de España, céntrase en tres ámbitos: o fiscal, a capacidade administrativa e a xestión da auga. As últimas recomendacións dadas datan de 2022 e referíanse á política fiscal, a execución dos fondos de recuperación e de cohesión, á economía circular e á redución da dependencia dos combustibles fósiles.
Estas recomendacións parten do informe país elaborado previamente pola Comisión Europea, que analiza os desafíos económicos e sociais de España e examina a aplicación das recomendacións específicas formuladas en ciclos anteriores, extraendo as seguintes conclusións:
- España xa non experimenta desequilibrios económicos e cumpriu satisfactoriamente co seu Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Recoñece un crecemento do PIB nacional pero advirte que en oito rexións españois o PIB per cápita segue estando por baixo do 75% da media da UE.
- España reduciu a súa débeda pública en relación ao PIB, pero debe seguir diminuíndoa. Recoñece a España como un país con alto nivel de débeda e cunha estrutura de gobernanza descentralizada.
- Espérase un crecemento do déficit público no futuro debido á necesidade de pagar as pensións dos cidadáns. Considera que o sistema de impostos en España necesita modernizarse e adaptarse ás novas tendencias do mercado e de consumo para ser máis eficaz.
- Advirte un crecemento das exportacións representado na balanza de pagos do país e tamén un descenso gradual e constante do desemprego durante unha década.
- España é un dos Estados membros que máis sofre o cambio climático, representado, entre outros fenómenos, polas secas. Tendo en conta esta situación, un maior investimento en infraestruturas axudaría a mellorar a xestión da auga, incluíndo ao sector agrícola, que é o principal consumidor da mesma.
As comunidades autónomas no Semestre Europeo 2024
O texto das recomendacións fan mención ás rexións españolas en varias ocasións. Por un lado, apunta a que deben participar de forma sistemática no Plan de Recuperación e Resiliencia para que este chegue a ser realmente exitoso. Tamén apela a unha maior involucración das CCAA nas políticas económicas e de emprego máis aló do Plan. Por outro lado, recomendan acelerar o investimento e implementación da I+D nas industrias identificadas polas estratexias rexionais de especialización intelixente (RIS3) e sinala que investir en rexións que sofren despoboamento é unha maneira de convertelas en lugares máis atractivos e competitivos.
Recomendacións a España
Baseándose nas conclusións mencionadas, o Consello da UE adopta para España tres recomendacións:
- Sobre fiscalidade: recomenda a España presentar adecuadamente o Plan Fiscal Estrutural a Medio Prazo, reducir o gasto público e que este sexa máis eficiente. Tamén suxire limitar o crecemento do gasto neto en 2025 e reducir o déficit das administracións públicas por baixo do 3% do PIB do país. Por último, recomenda simplificar o sistema fiscal para apoiar o crecemento económico, a cohesión e a transición ecolóxica.
- Sobre capacidade administrativa: para xestionar eficientemente os fondos da UE, recomenda a España acelerar a aplicación dos programas de política de cohesión e os investimentos, así como levar a cabo as reformas necesarias para conseguir unha aplicación efectiva do Plan de Recuperación e Resiliencia. O Consello recomenda que as reformas e investimentos estean finalizadas para agosto do ano 2026 e suxire a toma en consideración da Plataforma de Tecnoloxías Estratéxicas para Europa (STEP) co obxectivo de mellorar a competitividade.
- Sobre á xestión da auga: o Consello da UE recomenda a España mellorar a xestión da auga e a cooperación entre todos os niveis de goberno para adaptar o seu uso aos efectos presentes e futuros do cambio climático. Suxire ao Estado español explorar novas solucións baseadas na natureza para loitar contra as secas, a ausencia de auga na agricultura e apoiar investimentos en infraestrutura.
Contexto
O Semestre Europeo forma parte do marco de gobernanza da UE polo que os Estados membros deben axustar as súas políticas orzamentarias, económicas, de emprego e sociais ás recomendacións da UE. Tras un proceso no que interveñen a Comisión Europea, o Parlamento, o Consello Europeo e o Consello da UE, finalmente este último adopta formalmente as recomendacións para cada Estado membro.
Este ano, o ciclo do Semestre Europeo comeza a aliñarse coas disposicións do marco reformado de gobernanza económica da UE. Segundo as novas normas, en vigor a partir do pasado 30 de abril, os Estados membros deben elaborar plans orzamentarios estruturais a medio prazo no outono, establecendo as súas rutas de gasto e reformas e investimentos prioritarios.
As recomendacións específicas por país proporcionan orientacións de reforma e compromisos de investimento con vistas a que os Estados membros as teñan en conta na elaboración dos plans orzamentarios, especialmente se desexan ampliar o seu período de axuste orzamentario de catro a sete anos. Este período de axuste prolongado suporía unha redución do esforzo orzamentario anual global necesario para un Estado membro.
Máis información: