Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Mobilidade » As novas propostas en materia de transporte para unha mobilidade máis sostible e ecolóxica

As novas propostas en materia de transporte para unha mobilidade máis sostible e ecolóxica

21/12/2021 |

  • En liña cos obxectivos do Pacto Verde Europeo, a Comisión adopta o segundo paquete de propostas en materia de transporte para modernizar o sistema de transporte europeo e apoiar unha transición do sector cara unha mobilidade máis limpa, eficiente, ecolóxica e intelixente. 
Bruxelas, 22 de decembro de 2021. A Comisión vén de adoptar catro propostas -en liña co Pacto Verde Europeo- que modernizarán o sistema de transporte europeo para reducir as súas emisións nun 90% aumentando a conectividade e transferindo máis pasaxeiros e mercadorías ao ferrocarril e ás vías navegables interiores, apoiando o despregamento de puntos de recarga, infraestruturas alternativas de reposición e novas tecnoloxías dixitais, facendo máis fincapé na mobilidade urbana sostible e facilitando a elección de diferentes opcións de transporte nun sistema de transporte multimodal eficiente.
 
Unha rede transeuropea de transporte (RTE-T) intelixente e sostible
A RTE-T é unha rede a escala da UE de ferrocarril, vías navegables interiores, roteiros marítimos de curta distancia e estradas. Cando a RTE-T estea completa, reducirá os tempos de viaxe entre un total de 424 cidades. Para completar as conexións pendentes e modernizar toda a rede, a proposta esixe que as principais liñas ferroviarias permitan aos trens circular a 160 km/h ou a maior velocidade de aquí a 2040; insta a que se cren máis terminais de transbordo, se melloren a capacidade de tratamento de mercadorías nas terminais de carga, se reduzan os tempos de espera nos pasos fronteirizos ferroviarios, se aumente o tamaño dos trens e se dea a opción de que os camións sexan transportados por tren en toda a rede; se crean nove «corredores europeos de transporte» que integran o ferrocarril, a estrada e as vías navegables; introduce un novo prazo intermedio de 2040 para adiantar a finalización das principais partes da rede antes do prazo de 2050, que se aplica á rede no seu conxunto, debendo para 2040 completarse as novas conexións ferroviarias de alta velocidade entre O Porto e Vigo, e Budapest e Bucarest, entre outras; e esixe ás cidades da rede que desenvolvan plans de mobilidade urbana sostible para promover a mobilidade sen emisións e aumentar e mellorar o transporte público e as infraestruturas para os desprazamentos a pé e en bicicleta.
 
2040: un novo fito na RTE-T 
Ata agora, a rede básica tiña que estar implantada para 2030 e a rede global para 2050. A Comisión propón un novo prazo para a implantación dalgúns tramos da rede, denominado ”rede básica ampliada”, que tamén permitiría unha integración máis fluída dos corredores ferroviarios de mercadorías.
 
Ademais, esta revisión proposta terá un impacto no actual Mecanismo ”Conectar Europa” (MCE), xa que cambia, por exemplo, a denominación dos corredores, a elixibilidade dos proxectos portuarios, os nodos urbanos e crea un novo fito na implementación da rede. Con todo, os cambios na RTE-T non afectarán as oportunidades de financiamento no marco do Programa de Traballo do MCE en curso 2021-2023. 
 
Aumento do tráfico ferroviario transfronteirizo e de longa distancia
A proposta da RTE-T vai acompañada dun plan de acción para impulsar os servizos de transporte ferroviario que establece unha folla de roteiro con novas medidas para contribuír a que a UE alcance o seu obxectivo de duplicar o tráfico ferroviario de alta velocidade de aquí a 2030 e triplicalo de aquí a 2050. Ademais, o plan de acción establece medidas concretas para eliminar os obstáculos ás viaxes transfronteirizas e de longa distancia e facer que as viaxes por ferrocarril sexan máis chamativos para os viaxeiros como é o caso dunha proposta lexislativa sobre multimodalidade en 2022 para impulsar a expedición de billetes multimodais de fácil utilización ou permitir aos pasaxeiros atopar os mellores billetes ao prezo máis atractivo e dar mellor apoio aos pasaxeiros que se enfrontan a perturbacións, así como explorar unha posible exención do IVE para os billetes de tren a escala da UE. 
De aquí a 2030, a Comisión apoiará a posta en marcha de polo menos quince proxectos piloto transfronteirizos para poñer a proba o plan de acción.
 
Un novo enfoque do transporte marítimo 
A Comisión propón deixar de lado o enfoque das ”autoestradas do mar” tal e como se define no anterior Regulamento e abre a posibilidade de apoiar proxectos entre portos da rede global, incluso no mesmo Estado membro, co obxectivo de promover modos de transporte menos contaminantes. 
 
Servizos intelixentes de transporte (STI) para os condutores
A Comisión propón actualizar a Directiva STI co obxectivo de estimular o despregamento de novos servizos intelixentes, propoñendo que determinados datos cruciais sobre estradas, desprazamentos e tráfico estean dispoñibles en formato dixital ao longo de toda a RTE-T e, en última instancia, abarcando toda a rede de estradas. Tamén garantirá a posta ao dispor dos condutores de servizos esenciais relacionados coa seguridade en toda a rede. 
 
Mobilidade urbana máis limpa, ecolóxica e fácil
O marco de mobilidade urbana establece orientacións europeas sobre o xeito en que as cidades poden reducir as emisións e mellorar a mobilidade. A atención centrarase principalmente no transporte público e nos desprazamentos a pé e en bicicleta. A proposta tamén dá prioridade ás solucións con cero emisións para as frotas de transporte urbano, o último quilómetro dos servizos de repartición urbana e a construción e modernización de centros multimodais, así como novas solucións e servizos dixitais. A proposta esboza as opcións de financiamento para que os entes locais e rexionais apliquen estas prioridades. En 2022, a Comisión propoñerá unha Recomendación aos Estados para a elaboración de plans nacionais que axuden ás cidades a desenvolver os seus plans de mobilidade.
 
Visión galega
En canto ao Corredor Atlántico, a proposta ampliaría a rede ferroviaria de alta velocidade entre O Porto – Vigo, pasando a formar parte tamén da “rede central ampliada” que tén como prazo de finalización ata 2040. Ademais, o número de  nodos urbanos da rede incrementaríase significativamente, o que implica tamén novas obrigacións como o desenvolvemento dun plan de mobilidade urbana sostible. Pode consultarse nesta ligazón a nova proposta de rede pola TenTec (Rede transeuropea de transporte).
 
Contexto
Este é o segundo paquete de propostas para apoiar a transición cara a un transporte máis limpo e ecolóxico tras a publicación da Estratexia de Mobilidade Sostible e Intelixente en decembro de 2020. A Estratexia é unha folla de roteiro que orienta ao sector cara aos obxectivos do Pacto Verde Europeo.
 
Máis información: Comisión Europea
 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data