Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Asuntos Marítimos » Aprobado o acordo sobre pesca entre a UE e o Reino Unido

Aprobado o acordo sobre pesca entre a UE e o Reino Unido

19/01/2022 |

— O 1 de xaneiro entrou en vigor o acordo entre o Reino Unido e a Unión Europea sobre as posibilidades de pesca para o 2022, aprobado a finais do mes de decembro polo Consello. Este acordo fixa os dereitos de pesca para unhas cen poboacións de peces compartidas, achandando o camiño ás persoas que traballan no sector pesqueiro para que poidan exercer os seus dereitos de pesca no Atlántico e no mar do Norte.

Bruxelas, 19 de xaneiro de 2022. O Consello aprobou un acordo entre a UE e o Reino Unido sobre as posibilidades de pesca para 2022, que achanda o camiño para que as persoas que traballan no sector pesqueiro na UE poidan exercer os seus dereitos de pesca no Atlántico e o mar do Norte.
 
A decisión fixa os dereitos de pesca para unhas cen poboacións de peixes compartidas nas augas da UE e do Reino Unido, en particular o total admisible de capturas (TAC) límite para cada especie.
 
No Consello de Agricultura e Pesca celebrado os días 12 e 13 de decembro, os ministros fixaron os TAC provisionais para as poboacións de pesca compartidas co Reino Unido, á espera do resultado das consultas entre a UE e o Reino Unido. Estes límites de capturas modificaranse para ter en conta o novo acordo.
 
 

Seguintes etapas

O Regulamento sobre as oportunidades de pesca para 2022, coas modificacións relativas ás cotas finais, formalizouse polos xuristas-lingüistas do Consello, tras o cal foi adoptado formalmente polo Consello e publicado no Diario Oficial. As disposicións aplícanse con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2022.
 
 

Contexto

Tras a retirada do Reino Unido da UE, as poboacións de peixes xestionadas conxuntamente pola UE e o Reino Unido considéranse recursos compartidos con arranxo ao dereito internacional. O Acordo de Comercio e Cooperación entre as dúas partes establece as condicións nas que a UE e o Reino Unido determinan os seus respectivos dereitos de pesca no Atlántico e o mar do Norte.
 
Co Acordo de Comercio e Cooperación, ambas as partes acordan celebrar consultas anuais con obxecto de fixar os TAC e as cotas para o ano seguinte. A Comisión preside estas consultas, que teñen en conta unha serie de factores, como por exemplo: as obrigacións internacionais; o rendemento máximo sostible (RMS) recomendado para cada especie, para asegurar a sustentabilidade a longo prazo das pesqueiras de conformidade coa política pesqueira común; os mellores ditames científicos dispoñibles, cun criterio de precaución cando non se dispoña de tales ditames; ou a necesidade de protexer os medios de subsistencia das persoas que traballan no sector pesqueiro.
 
O Consello proporcionou orientacións políticas á Comisión ao longo de todo o proceso de negociación e referendou formalmente o acordo final.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data