Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » As rexións europeas dan luz verde ao ditame galego sobre o futuro da pesca

As rexións europeas dan luz verde ao ditame galego sobre o futuro da pesca

29/11/2023 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, interveu no último pleno do Comité Europeo das Rexións, no que se aprobou o ditame galego sobre o futuro da pesca.

— O ditame responde ao paquete de propostas sobre a contribución da pesca e da acuicultura á transición ecolóxica, publicado en febreiro pola Comisión Europea.

— O experto designado pola Xunta para a elaboración do texto foi o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, que tamén asistiu hoxe á sesión plenaria.

Bruxelas, 29 de novembro de 2023. O ditame “A política pesqueira común sobre o terreo: cara comunidades costeiras sustentables e resilientes na Unión Europea”, foi aprobado hoxe no pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR). Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, interveu en calidade de relator durante a que foi a primeira xornada da 158ª sesión plenaria, celebrada no hemiciclo do Parlamento Europeo.

Culminou así a resposta das rexións europeas ao paquete de propostas relativo á contribución do sector pesqueiro e acuícola á transición ecolóxica publicado pola Comisión Europea o pasado mes de febreiro. Aínda que sen perder de vista os obxectivos do Pacto Verde Europeo, a proposta liderada por Galicia pon o foco na importancia de blindar o equilibrio entre as dimensións medioambiental, económica e social da política pesqueira común.

Así o transmitiu na súa intervención o director xeral, que subliñou que “da actividade do sector non só dependen a saúde dos océanos e ecosistemas mariños, senón tamén o benestar e prosperidade das comunidades costeiras.” Lembrou, ademais, como “a proteína mariña é vital para a seguridade alimentaria europea grazas á súa capacidade nutricional e á súa baixa pegada de carbono” polo que “Europa non debe desaproveitar o potencial da pesca e da acuicultura para acadar a ansiada autonomía estratéxica”.

Demanda dunha carteira específica dentro da próxima Comisión Europea 

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, tamén asistiu hoxe ao pleno do CdR como experto designado pola Xunta de Galicia para a elaboración do ditame sobre o futuro da pesca. Encargouse de plasmar no documento as principais preocupacións dos actores do sector, como a restrición ao uso dalgunhas artes de pesca, entre elas a pesca de fondo, cuxo impacto socioeconómico pode comprometer a viabilidade da frota.

O texto aprobado tamén chama a atención sobre a necesidade de prestar apoio financeiro ao sector de cara á descarbonización e renovación das frotas, avogando por unha transición ecolóxica xusta e gradual. De cara ao novo mandato da Comisión Europea que se iniciará o ano que vén, demanda unha carteira propia no ámbito marítimo-pesqueiro, así como una redución dos topes admisibles de captura aos estritamente necesarios.

A loita contra a corrupción na Unión Europea

De entre os 12 ditames aprobados neste último pleno, destaca tamén o relativo a un novo marco da loita contra a corrupción na Unión Europea. Ante a proposta feita en maio pola Comisión Europea, o CdR propón un enfoque integrado e esixe un intercambio de información fluído tanto entre Estados membros como entre estes e os gobernos rexionais. Galicia e outras comunidades autónomas apoiaron a introdución dunha emenda na que se recolle a prohibición de indultos e amnistías vinculados a delitos de corrupción.

Hoxe tamén foi aprobado un ditame sobre o futuro da política de cohesión que contou co presidente do CdR, Vasco Alves Cordeiro, como relator. Deste xeito, o CdR é o primeiro órgano europeo en fixar unha posición sobre esta política a partir de 2027, mandando unha mensaxe clara: o financiamento da política de cohesión, que representa un terzo do orzamento comunitario, trascende con creces o mero apoio financeiro aos territorios.

Contexto

Ditame pesca no pleno do CdR

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea, cuxa sesión plenaria se reúne seis veces ao ano. En representación de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

No actual mandato 2020- 2025 do Comité Europeo das Rexións, Galicia participa na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na Comisión de Recursos Naturais (NAT), na que se aprobou o ditame sobre o futuro da pesca a principios do pasado mes de outubro.

O anterior ditame elaborado por Galicia tamén foi relativo á actividade pesqueira, na que a nosa comunidade se sitúa á cabeza da Unión Europea en termos de capturas e de peso no conxunto da frota. Aprobado en 2018, o texto daba suxerencias para a proposta do actual Fondo Europeo Marítimo, de Pesca y de Acuicultura (FEMPA).

Máis información: Ditame sobre o futuro da pesca

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data