Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Brexit » Aprobación definitiva da Reserva de Adaptación ao Brexit

Aprobación definitiva da Reserva de Adaptación ao Brexit

01/10/2021 |

  • O pasado 28 de setembro o Consello da Unión Europea aprobou de xeito definitivo o fondo da Reserva de Adaptación ao Brexit de 5 000 millóns de euros
  • O Consello decidiu distribuír provisionalmente por adiantado todos os recursos da Reserva de Axuste ao Brexit. O cálculo da asignación provisional vén determinado por tres factores principais: a importancia do comercio co Reino Unido; a importancia das actividades pesqueiras na zona económica exclusiva do Reino Unido, e a importancia das relacións de veciñanza para as rexións costeiras fronteirizas co Reino Unido
  • A asignación final a España é de 272 millóns de euros
Bruxelas, 1 de outubro de 2021. O Consello vén de aprobar definitivamente un fondo de 5 000 millóns de euros (a prezos de 2018) concebido para axudar aos Estados membros a facer fronte aos efectos negativos do Brexit a través de axudas ás rexións, os sectores e ás comunidades máis afectadas.
 
A reserva é un instrumento de emerxencia especial e puntual que apoiará ás empresas públicas e privadas que teñan que facer fronte a perturbacións nos fluxos comerciais, os custos derivados dos controis aduaneiros e os procedementos administrativos.
 
Dado que a retirada do Reino Unido da UE creou unha situación sen precedentes, os Estados membros terán flexibilidade para decidir cales son as mellores medidas para contrarrestar as diversas consecuencias negativas. Neste sentido, o fondo establece unha lista non exhaustiva de medidas subvencionables, que abarcan desde as axudas ás pemes e as comunidades e organizacións rexionais e locais, incluído o sector pesqueiro a pequena escala dependente das actividades pesqueiras en augas do Reino Unido, ata as medidas para promover a creación de emprego e a reintegración no mercado laboral dos cidadáns europeos que volven ao seu país de orixe.
 
O período de referencia para as axudas da reserva de adaptación ao Brexit vai do 1 de xaneiro de 2020 ao 31 de decembro de 2023.
 
Asignación
 
O Consello decidiu distribuír provisionalmente por adiantado todos os recursos da reserva, que, a prezos correntes, ascenden a 5 400 millóns de euros, tendo en conta os efectos adversos do Brexit en cada Estado membro.
 
O método de cálculo da asignación provisional vén determinado por tres factores principais: o importe máis significativo, que ascende a 4 500 millóns de euros, distribuirase en función da importancia do comercio co Reino Unido; 656 millóns de euros asignaranse en función da importancia das actividades pesqueiras na zona económica exclusiva do Reino Unido, e 273 millóns de euros distribuiranse en función da importancia das relacións de veciñanza para as rexións costeiras fronteirizas co Reino Unido.
 
Ademais, a fin de permitir que os Estados membros poidan actuar rapidamente, 4 300 millóns de euros, desembolsarase en concepto de prefinanciación en tres tramos anuais: en 2021, 2022 e 2023. O resto dos fondos distribuiranse en 2025, tras unha revisión dos gastos en medidas subvencionables nos anos anteriores, na que tamén se terán en conta os importes non utilizados.
 
O Regulamento tamén ten en conta a importancia do sector pesqueiro nalgúns Estados membros, polo que destina unha parte dos recursos da Reserva para a prestación de apoio específico ás comunidades costeiras locais e rexionais. Neste sentido, recolle que os Estados membros que conten con unha asignación provisional no factor vinculado ao pescado capturado na Zona Económica Exclusiva do Reino Unido superior a 10 millóns de euros, deben destinar, polo menos, o 50% desa cantidade ou o 7% da cantidade asignada (o que sexa menor) para apoiar ás comunidades costeiras locais e rexionais, en particular o sector da pesca.
 
O primeiro país receptor da Reserva de Axuste ao Brexit en termos absolutos é Irlanda, cunha cantidade total de 1.165.202.125 euros, mentres que os Países Baixos son o país con maior asignación ao sector pesqueiro, cun total de 62.042.025. A asignación final a España é de 272.447.050 euros, dos cales 268.490.849 corresponden ao comercio de bens e servizos co Reino Unido e 3.956.201 ao pescado capturado na Zona Económica Exclusiva británica.
 
Seguintes etapas
 
A aprobación polo Consello da posición do Parlamento Europeo en primeira lectura, que se votou no Pleno o 15 de setembro, é a última etapa do procedemento lexislativo e supón a adopción da Reserva de Adaptación ao Brexit. O Regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial da Unión Europea, na primeira metade de outubro.
 
Máis informaciónConsello da UE
 
 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data