APROBACIÓN DE NOVAS DIRECTRICES SOBRE AXUDAS A LIÑAS AÉREAS EN AEROPORTOS REXIONAIS
A Comisión Europea publicou onte as novas directrices para promove-lo
desenvolvemento dos aeroportos rexionais. As directrices regulan as condicións
baixo as cales se poderán conceder determinadas axudas públicas ás compañías
aéreas que abran novas liñas a partir de aeroportos rexionais. As directrices
tamén conteñen indicacións sobre o financiamento público de aeroportos.
A xuízo da Comisión Europea a apertura de rutas aéreas rexionais favorece o
desenvolvemento destas áreas e a mobilidade en Europa. Así mesmo, esta maneira
de incentivar novas rutas, fai máis accesible ós europeos o medio de transporte
aéreo, mellora a oferta e desconxestiona os aeroportos máis grandes. A Comisión
destacou que a adopción destas directrices pretende acadar un trato igualitario
para tódalas liñas aéreas e contribuír a unha maior transparencia na utilización
de recursos públicos.
En opinión do Vicepresidente da Comisión e responsable de transportes,
Jacques Barrot, as directrices da Comisión son moi necesarias, dado o forte
incremento da cota de mercado das aerolíneas de baixo custe (dun 4.0% en 1998 a
case o 21% en 2004 ; en 2004, os tres maiores aeroportos dende onde operan liñas
aéreas de baixo custe transportaron 62 millóns de pasaxeiros), para promover os
aeroportos rexionais e o desenvolvemento de novas conexións aéreas en Europa,
pero tamén considerou indispensable garantir a igualdade de trato entre
compañías e entre aeroportos.
Este documento, somete ás posible axudas a aerolíneas que operen en
aeroportos rexionais, a unhas condicións moi estrictas de transparencia e máis
de limitación temporal. En concreto, o documento expón que se dará prioridade á
apertura de liñas en aeroportos con tráfico anual inferior a cinco millóns de
pasaxeiros, e estas se poderán conceder durante un máximo de cinco anos. As
axudas poderán servir para cofinanciar, ate un límite de entre un 30% e un 50%
os custes suplementarios derivados da apertura da nova ruta (incluíndo nestes
custes os gastos de marketing ou de instalación nos aeroportos rexionais
correspondentes)
Outra das condicións impostas polas directrices é a viabilidade a medio prazo
da ruta aberta, e desta maneira as axudas deberán ser decrecentes a medida que
transcorra o tempo, sendo a súa duración máxima de 3 anos (5 anos no caso de
rexións desfavorecidas e ultraperiféricas)
É importante aclarar que o documento da Comisión establece catro categorías
de aeroportos:
– Categoría A: Grandes aeroportos, (con máis de 10 millóns de pasaxeiros ó
ano ; no caso de España entran nesta categoría os aeroportos de Madrid,
Barcelona, Palma e Málaga;
– Categoría B : Aeroportos nacionais (de 5 a 10
millóns de pasaxeiros ó ano; en España os aeroportos de Gran Canaria, Tenerife
Sur e Alacante);
– Categoría C : Grandes aeroportos rexionais (de 1 a 5
millóns de pasaxeiros ó ano; es el caso de Bilbao, Valencia, Xirona, Sevilla e
Santiago) ; e
– Categoría D : Pequenos aeroportos rexionais (menos de un
millón; nesta categoría se atópanse 24 aeroportos españois).
As novas directrices da Comisión aplicaranse unicamente ás novas rutas que se
establezan entre aeroportos das dúas últimas categorías e un aeroporto doutro
Estado membro (grandes e pequenos aeroportos rexionais, xa que os grandes
aeroportos e os aeroportos nacionais, con carácter xeral, non poden recibir
axudas). Porén, en casos excepcionais, poderíanse autorizar axudas ás rutas
nacionais entre aeroportos da segunda categoría.
O texto das directrices fai unha distinción entre as axudas para o
cofinanciamento dos gastos nos que incorran as compañías aéreas, baixo as
condicións antes expostas, e as axudas ó financiamento de infraestructuras
aeroportuarias (de servicio ou operativas). Tal e como explicamos anteriormente
poderíanse outorgar axudas destinadas ás compañías que incidan na redución dos
custes derivados do establecemento de novas rutas (que non estean cubertas por
liñas de tren de alta velocidade) ou polo incremento de frecuencias, até un tope
de entre un 30%-50%. A modo de exemplo, menciónase a posibilidade de
cofinancia-los gastos de publicidade ou marketing, e a imposibilidade de
financia-los gastos operativos habituais, como poden ser o aluguer ou
depreciación das naves, os custes de combustible os salarios do persoal ou os
gastos de catering.
Polo que respecta ás axudas ou ás inversións en infraestructuras
aeroportuarias o obxectivo da Comisión é asegurar que o financiamento da
infraestructura non beneficia a un xestor aeroportuario determinado, e que o
acceso á infraestructura non favorecerá especialmente a unha ou varias compañías
aéreas. En casos moi determinados, a Comisión considerará que certas axudas a
aeroportos da categoría D, que sexan susceptibles de considerarse como
compensacións por prestación de servicio público , serán compatibles coa
normativa comunitaria sobre axudas de Estado. As axudas concedidas a esta
categoría de aeroportos que non cumpran tódolos requisitos contidos nas
directrices, ou as que se concedan a outras categorías de aeroportos deberán ser
notificadas á Comisión para o seu estudio individualizado.
Estas directrices serán de aplicación dende a súa publicación. O texto
provisional das directrices, pódese consultar en inglés
ou en francés.
² De acordo cos requisitos establecidos na sentencia Altmark (caso
C-280/00 de 24 de xullo de 2003, Altmark Trans and Regierungspräsidium Magdeburg
-Rec.2003,p.I-7747) polo Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas.