Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea »
Apoio á agricultura europea ante as perturbacións na cadea alimentaria provocada pola guerra en Ucrania
— Tras o debate mantido o luns, 21 de marzo, no Consello de Agricultura da UE, a Comisión Europea activou hoxe varias medidas para facer fronte ao aumento dos custos da produción alimentaria e os problemas de subministración orixinados pola guerra en Ucraína. Entre elas: a utilización de terras en barbeito para a produción alimentaria e de penso, o desembolso de case 500 millóns da reserva da PAC para axudar á produción agrícola e un anticipo dos pagos da PAC.
Bruxelas, 23 de marzo de 2022. – Por mor da invasión de Ucraína por parte de Rusia, a Comisión Europea presentou hoxe a comunicación “Salvagardar a seguridade alimentaria e reforzar a resiliencia dos sistemas”, na que propón unha serie de accións a curto e medio prazo para apoiar aos agricultores á luz do aumento dos custos dos insumos. A Comisión considera necesario un apoio específico aos produtores pero sen socavar os obxectivos a longo prazo dun sistema alimentario máis resiliente e sostible.
Medidas a curto prazo
- Utilización de terras en barbeito para a produción alimentaria e de penso: a pesar da limitada dispoñibilidade de terras fértiles e a fin de aumentar a capacidade de produción da UE, aplicarase unha excepción temporal durante o ano 2022 que permita producir calquera cultivo para alimentos e pensos en superficies en barbeito. Esta excepción aplícase ás áreas de interese ecolóxico (EFA polas súas siglas en inglés), mantendo ao mesmo tempo o nivel total do pago por greening. Calcúlase que na UE hai ao redor de catro millóns de hectáreas EFA que poderían ser mobilizadas e considérase que o impacto ambiental será limitado, xa que a excepción é só para un ano e só para un tipo de EFA.
- Activación da reserva de crise da PAC para axudar aos produtores agrícolas: debido á ameaza grave de perturbación do mercado como consecuencia do aumento dos custos e as alteracións do comercio, a Comisión concederá aos Estados membros unha contribución financeira para apoiar aos produtores en prol da seguridade alimentaria. Esta axuda procederá da reserva de crise da PAC, dotada con 497,3 M€; España recibirá un total de 64,5 millóns. Con esta axuda, os Estados deberán deseñar medidas que contribúan á seguridade alimentaria ou aborden os desequilibrios do mercado. Os agricultores poderán acollerse ás axudas se levan a cabo actividades con estes obxectivos: economía circular, xestión de nutrientes, uso eficiente dos recursos e métodos de produción respectuosos co medio ambiente e o clima. Ademais, os Estados membros poderán conceder axudas nacionais complementarias, ata un máximo do 200% do importe por país. Para maior flexibilidade, poderán acumulala con outras axudas financiadas polo FEAGA ou FEADER. Os Estados membros notificarán á Comisión, como moi tarde o 30 de xuño, as medidas que adopten e todos os pagos deberán ser abonados antes do 30 de setembro.
- Axuda a almacenamento privado de carne de porcino: en varios Estados membros, o sector da carne de porcino atravesa graves dificultades desde hai varios meses, debido á retardación das exportacións a China, a propagación da peste porcina africana, o impacto persistente das restricións pola COVID e, recentemente, a invasión rusa de Ucraína. Co fin de reducir o desequilibrio actual entre oferta e demanda, a Comisión anunciou a concesión de axudas ao almacenamento privado de carne de porcino. O importe, as categorías e os períodos pódense atopar no anexo do regulamento de execución. O prazo para a presentación de solicitudes empeza o 25 de marzo e acaba o 29 de abril de 2022.
- Anticipos de pagos aos agricultores para partir do 16 de outubro de 2022: para facer fronte aos posibles retos de liquidez no outono, a Comisión permitirá aos Estados membros pagar aos agricultores niveles maiores de anticipos de pagos directos e medidas de desenvolvemento rural relacionadas con superficie e animais a partir do 16 de outubro de 2022.
- Axudas de Estado: Marco Temporal de Crise: a Comisión Europea adoptou hoxe un Marco Temporal de Crise, que durará ata o 31 de decembro de 2022, para permitir aos Estados membros aproveitar a flexibilidade prevista nas normas sobre axudas estatais. No sector da agricultura, os Estados membros poderán introducir inmediatamente réximes de subvención de ata 35 000 € por empresa afectada pola crise. Esta axuda poderá concederse de calquera forma, incluídas as subvencións directas.
- Outras medidas:
- Utilización das flexibilidades temporais e específicas existentes respecto dos requisitos de importación de peensos para aliviar a presión sobre o mercado, segundo o Regulamento 396/2005.
- Proposta da Comisión para que os Estados membros comuniquen mensualmente os datos sobre as existencias privadas de produtos básicos esenciais para alimentos e pensos, a fin de dispoñer dunha visión de conxunto oportuna e precisa da súa dispoñibilidade.
- Apoio da Comisión para reducir a proporción de mestura de biocarburantes, o que podería conducir a unha redución das terras agrícolas utilizadas para a produción de materias primas para biocarburantes, aliviando así a presión sobre os mercados de alimentos e pensos.
Medidas a medio prazo
A Comisión Europea considera a sustentabilidade alimentaria como parte integrante da seguridade alimentaria. Ao levar a cabo as transicións necesarias establecidas nas Estratexias da Granxa á Mesa e a Biodiversidade, a Comisión velará por que non se socave a produtividade global da agricultura da UE. Isto significa un maior uso da innovación para contribuír a aumentar os rendementos de maneira sostible mediante a agricultura de precisión, novas técnicas xenómicas, a mellora da xestión de nutrientes, a xestión integrada de pragas, as alternativas biolóxicas aos praguicidas sintéticos, etc. Todo iso tamén contribuirá a reducir a dependencia da UE en importacións de pensos e fertilizantes.
Doutra banda, a Comisión recoñece que a crise de Ucraína pode ter consecuencias nos plans estratéxicos presentados para a aplicación da PAC 23-27, incluída a necesidade de modificar as propostas iniciais. En particular, haberá marxe para reforzar elementos dos plans destinados a reforzar a resiliencia do sector, reducir a dependencia enerxética e ampliar a capacidade de produción sostible. En concreto, a Comisión apoiará actividades nos plans estratéxicos como o fomento da produción e o uso sostibles de biogás, a absorción de carbono, a mellora da eficiencia enerxética, a ampliación do uso das prácticas agroecolóxicas, a agricultura de precisión, a redución da dependencia das importacións de insumos e forraxes a través de sistemas gandeiros sostibles, o fomento da produción de proteaginosas, e a difusión a través da transferencia de coñecementos da aplicación máis ampla posible das mellores prácticas
Máis información:
- Nota de prensa de la Comunicación
- Folleto informativo de la Comunicación
- Preguntas y respuestas
- Reglamento delegado por el que se establece una ayuda excepcional de adaptación para los productores de los sectores agrarios y anexo (en este enlace los dos documentos y en español)
- Reglamento de ejecución por el que se concede una ayuda al almacenamiento privado de carne de porcino y anexo
- Nota de prensa del Marco Temporal de Crisis
- Comunicación del Marco Temporal de Crisis