APERTURA DUNHA CONSULTA PÚBLICA SOBRE A MELLORA DAS AXUDAS Á I+D

A Comisión Europea abriu unha consulta pública co obxectivo de mellora-las
normas comunitarias que regulan as axudas estatais á innovación. Tal e como ven
sendo habitual, para esta finalidade a Comisión ten aberto un prazo de consulta
pública no que os interesados poden achegar as súas observacións na materia
antes de que sexa adoptada a nova normativa.


No documento de consulta a Comisión fai varias propostas entre as que se
atopan uns criterios para axudar ás autoridades públicas a aumenta-la eficacia
coa que se orientan as axudas e a claridade das normas aplicables a cada caso,
para incrementa-lo grao de seguridade xurídica.


As propostas presentadas neste primeiro documento, pola Comisión, inclúen
axudas divididas en seis áreas xerais: creación de proxectos empresariais
innovadores, capital risco, integración do factor innovación nas normas vixentes
sobre as axudas de investigación e desenvolvemento (I+D), intermediarios de
innovación, formación e mobilidade entre o persoal investigador de universidades
e PEMES, e “polos de excelencia” para proxectos de interese europeo.


A xuízo da Comisión Europea, coa revitalización da Estratexia de Lisboa
púxose de releve a importancia de que os Estados membros creen máis e mellor
emprego, nunha Europa máis dinámica, innovadora e atractiva. A UE non aporta
aínda hoxe a innovación necesaria para xerar un crecemento e un nivel de emprego
suficientes.


Este documento, somete ós comentarios dos interesados unha serie de propostas
concretas respecto das que a Comisión podería autorizar estas axudas aplicando
normas e criterios ex ante. Unha vez que remate a consulta incorporaranse novas
disposicións á normativa vixente sobre axudas estatais.


Como preludio do documento de consulta a Comisión establece que o mellor
incentivo para o desenvolvemento da innovación é a existencia dunha competencia
efectiva nos mercados, polo que esta debe ser garantida por constituír o motor
da innovación.


De acordo co enfoque exposto no Plan de Acción sobre axudas de Estado de xuño
de 2005, a Comunicación sobre as axudas estatais á innovación establece unha
metodoloxía clara para a preparación das medidas de apoio estatal ás actividades
innovadoras. Os principios nos que se baseará a autorización das axudas son os
seguintes:


1) que o instrumento de axuda estea concibido para abordar unha deficiencia
do mercado ben definida;


2) que a axuda constitúa o instrumento máis adecuado para acada-lo fin
desexado.


3) que a axuda teña un efecto incentivador sobre a innovación e sexa
proporcional ó obxectivo fixado, e


4) que se limite o falseamento da competencia.


Na Comunicación, a Comisión define una serie de deficiencias do mercado que
poden impedir que se alcancen niveis óptimos de innovación e analiza cómo poden
contribuír as axudas estatais a modificar os incentivos para innovar. Sobre esta
base, proponse autorizar as axudas para dous tipos de actividades
innovadoras:


a) actividades que dea respaldo a asunción de riscos e a experimentación para
axudar a reduci-la distancia entre a investigación e o mercado, e


b) actividades que melloren o entorno empresarial xeral.


A continuación, a Comunicación presenta seis medidas concretas para apoiar a
innovación mediante axudas estatais:


1) apoio para a creación e o desenvolvemento de proxectos empresariais
innovadores (mediante exencións fiscais e subsidios);


2) máis flexibilidade con respecto ás axudas estatais en favor do capital
risco;


3) ampliación do ámbito de aplicación das normas vixentes sobre axudas
estatais de investigación e desenvolvemento e autorización das axudas ás PEMES
que leven a cabo actividades innovadoras (creación de prototipos que se poidan
comercializar, deseño tecnolóxico ou estudios de viabilidade);


4) subvencións ás PEMES que adquiran servizos de intermediarios de
innovación;


5) subvencións ás PEMES para que contraten investigadores e enxeñeiros de
alta cualificación e organicen intercambios de persoal con universidades e
empresas grandes;


6) apoio ó desenvolvemento de «polos de excelencia» mediante colaboracións,
agrupacións e proxectos de interese común europeo.


Texto
completo da Comunicación da Comisión