Actualidade

Portada » Actualidade » Análise FGE da actualidade comunitaria » Regulamento relativo á restauración da natureza

Regulamento relativo á restauración da natureza

10/07/2024 | ,

A pesares de que a UE leva varias décadas protexendo a natureza sobre a base da Directiva Hábitats e da Directiva Aves, o Informe sobre o estado da natureza publicado pola Comisión Europea en 2020 sinala que aínda non se logrou “frear o declive das especies e tipos de hábitats protexidos que son motivo de preocupación para a UE por motivos de conservación”. Pódese sinalar, por exemplo, que o 81% dos hábitats está en mal estado, entre o 60% e o 70% dos solos non está san e unha de cada dez especies de abellas e de bolboretas atópase en perigo de extinción.

A Estratexia sobre Biodiversidade para 2030, no seu intento de frear esta situación, propón un Plan de Recuperación da Natureza da UE con unha serie de compromisos, entre os que destaca a presentación dunha “proposta sobre unha serie de obxectivos da UE en materia de restauración da natureza, xuridicamente vinculantes, coa finalidade de recuperar ecosistemas degradados”. Tal posibilidade foi referendada polo Consello nas súas conclusión de outubro de 2020.

Entre os seus obxectivos tamén se atopaba o de velar por que non se produza ningún deterioro no estado de conservación das especies e dos hábitats protexidos e que “polo menos o 30% das especies e hábitats que na actualidade non presenten un estado favorable acaden ese estado ou mostren unha decidida tendencia positiva cara tal estado de aquí a 2030”.

Como resultado do impulso proporcionado pola Estratexia sobre Biodiversidade, a Comisión Europea propuxo, en xuño de 2022, un Regulamento sobre a restauración da natureza. Un ano despois, Consello e Parlamento aprobaban a súa orientación xeral e a súa posición en xuño e xullo, respectivamente, para alcanzar un acordo político provisional baixo a presidencia española do Consello, en novembro de 2023. Tras un intento errado en marzo de 2024, o Regulamento foi finalmente ratificado no Consello de Medio Ambiente levado a cabo o 17 de xuño de 2024.

O Regulamento relativo á restauración da natureza correspóndese co primeiro acto xurídico europeo que regula medidas de restauración e non só de conservación da natureza. O texto baséase na idea de que a restauración dos ecosistemas é fundamental para loitar contra o cambio climático, reducir os riscos para a seguridade alimentaria, garantir a saúde humana e fomentar a economía.

O Regulamento tamén facilitará o cumprimento da UE cos seus compromisos internacionais en materia de biodiversidade, como o Marco Global para a Diversidade Biolóxica de Kunming-Montreal, adoptado en decembro de 2022. Este contén unha serie de metas globais que deben ser alcanzadas en 2030. Entre estas, figuran a conservación de polo menos o 30% das zonas terrestres, de augas continentais e costeiras e mariñas, así como a restauración do 30% dos ecosistemas degradados e a redución á metade da introdución de especies invasoras.

Os ecosistemas e a natureza de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data