Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Relacións Exteriores » Galicia e as rexións europeas debaten sobre o impacto da futura ampliación da UE na política rexional

Galicia e as rexións europeas debaten sobre o impacto da futura ampliación da UE na política rexional

08/07/2024 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou no último encontro da comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións, celebrado na capital de Lituania.

— Durante esta reunión anual fóra de sede, os membros tamén debateron sobre a importancia das relacións da UE con África e sobre o papel que teñen nestas os entes rexionais e locais.

— Un intercambio de puntos de vista sobre o cambio de ciclo da UE tras as últimas eleccións europeas completou a axenda da xornada.

Vilna, 8 de xullo de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia no encontro da comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR) que se celebrou hoxe en Vilna, na capital de Lituania. Entre os tres debates que tiveron lugar nesta xornada, destacou o relativo á dimensión rexional e local da futura ampliación da Unión Europea, centrado particularmente no seu impacto no futuro da política cohesión.

O intercambio de puntos de vista entre as rexións europeas a este respecto estivo enmarcado no actual cambio de ciclo institucional, xa que será tras o inicio do novo mandato das institucións europeas cando teña lugar a revisión das políticas previas á ampliación. Neste contexto, o CdR traballa nun estudio sobre a preparación da ampliación dende unha perspectiva territorial. Ademais, os seus membros avogan pola intensificación da actividade dos comités consultivos mixtos existentes e pola creación doutros novos para Ucraína, Moldavia e Albania.

Na reunión abordouse tamén o papel das rexións e municipios na estratexia da Unión Europea para África, posta en marcha en 2020 co obxectivo de forxar unha asociación entre os dous continentes equilibrada e baseada no beneficio mutuo e nos valores comúns. Durante o debate sobre un documento de traballo previo a un ditame de propia iniciativa, os membros da CIVEX reivindicaron unha maior implicación das autoridades subnacionais no desenvolvemento daquelas prioridades da Asociación África-UE cun impacto territorial.

Tal e como sinalou o director xeral e como se recolle na Estratexia Galega de Acción Exterior, Galicia ten a súa propia folla de ruta para as relacións co continente africano, particularmente coa África lusófona e Guinea Ecuatorial en eidos como a pesca.

Galicia nas comisións CIVEX e NAT do CdR

No actual mandato 2020- 2025 do Comité Europeo das Rexións, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos para o reforzo da democracia europea.

Ademais da fututra ampliación da UE e das relacións UE-África, na súa última reunión tamén foron obxecto de debate os resultados das eleccións europeas celebradas o pasado mes de xuño.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data