• A Comisión Europea decidiu prorrogar e ampliar o campo de aplicación do Marco Temporal de axudas estatais para apoiar á economía no contexto da pandemia ata o 31 de decembro de 2021, incluídas as relacionadas coa recapitalización. 
Bruxelas, 2 de marzo de 2021. A Comisión decidiu prorrogar ata o 31 de decembro de 2021 o Marco Temporal (MT) de axudas estatais para apoiar á economía no contexto da pandemia. A Comisión decidiu ampliar o alcance do MT aumentando os límites máximos establecidos nel e permitindo a conversión de determinados instrumentos  reembolsables en subvencións directas ata finais do ano próximo. O MT debía expirar o 30 de xuño de 2021, salvo no caso das medidas de recapitalización, que podían concederse ata o 30 de setembro de 2021. Tendo en conta a persistencia da pandemia e a súa evolución, a modificación introducida prorroga todas as medidas establecidas no MT, incluídas as relacionadas coa recapitalización, ata o 31 de decembro de 2021.
Aumento dos límites máximos de axuda: Tendo en conta a persistente incerteza económica e a prórroga por parte dos Gobernos das medidas que limitan a actividade económica a fin de deter a propagación do virus, esta modificación aumenta tamén os límites máximos establecidos no MT en relación con determinadas medidas de apoio: Polo que se refire aos importes limitados de axuda concedida con arranxo ao MT, os anteriores límites máximos por empresa duplícanse agora na práctica. Os novos límites máximos son de 225.000€ por empresa dedicada á produción primaria de produtos agrícolas, 270.000€ por empresa que opere no sector da pesca e a acuicultura e 1,8 millóns de euros por empresa que opere en calquera dos demais sectores. Ademais, estas axudas poden combinarse ata un límite de 200.000€ por empresa con axudas de minimis ao longo de tres exercicios financeiros, sempre que se cumpran os requisitos pertinentes para as axudas de minimis.
No caso das empresas especialmente afectadas pola crise da COVID-19, e que rexistren polo menos unhas 30% perdas no seu volume de negocios durante o período subvencionable fronte ao mesmo período de 2019, o Estado pode contribuír a financiar a parte dos custos fixos das devanditas empresas que non estean cubertos polos seus ingresos, por un importe de ata 10 millóns de euros por empresa.
Conversión de instrumentos reembolsables en subvencións directas: A Comisión tamén permitirá aos Estados converter, ata o 31 de decembro de 2022, os instrumentos reembolsables concedidos en virtude do MT noutras formas de axuda, como subvencións directas, sempre que se cumpran as condicións do MT. En principio, dita conversión non poderá superar os novos límites máximos correspondentes aos importes limitados de axuda (é dicir, 225 000€ por empresa dedicada á produción primaria de produtos agrícolas, 270 000€ para adicadas ao sector da pesca e a acuicultura, e 1,8 millóns € para as que operen en calquera dos demais sectores). Desta maneira incentívase o recurso, en primeira instancia, á axuda que supoñen os instrumentos  reembolsables.
Ampliación da retirada temporal de todos os países da lista de «países cuxos riscos son  negociables» segundo a Comunicación sobre o seguro de crédito á exportación a curto prazo: Por último, e dada a persistente e xeral falta de capacidade privada suficiente para cubrir todos os riscos economicamente xustificables das exportacións a países da lista de países cuxos riscos son  negociables, a modificación prevé unha prórroga ata o 31 de decembro de 2021 da retirada temporal de todos os países de devandita lista, contemplada na Comunicación sobre o seguro de crédito á exportación a curto prazo.
Antecedentes 
Para apoiar a economía no contexto da pandemia, o 19 de marzo de 2020 a Comisión adoptou un novo MT sobre axudas estatais. O MT modificouse o 3 de abril de 2020 por primeira vez con obxecto de aumentar as posibilidades de apoio público á investigación, os ensaios e a fabricación de produtos para loitar contra a pandemia, protexer o emprego e seguir apoiando a economía. O 8 de maio de 2020, a Comisión adoptou unha segunda modificación pola que se ampliaba o ámbito de aplicación do MT a medidas relativas á  recapitalización e a débeda subordinada. O 29 de xuño de 2020, a Comisión adoptou unha terceira modificación que ampliaba o ámbito de aplicación do MT a fin de seguir apoiando ás microempresas, as pequenas empresas e as empresas emerxentes, e incentivar os investimentos privados. O 13 de outubro de 2020, a Comisión prorrogou o MT ata o 30 de xuño de 2021, coa excepción das medidas relativas á  recapitalización, cuxa prórroga conclúe o 30 de setembro de 2021. Na devandita ocasión, tamén permitiu aos Estados cubrir parte dos custos fixos non cubertos das empresas afectadas pola crise.
O MT permite aos Estados aproveitar a flexibilidade das normas sobre axudas estatais para apoiar a economía, á vez que se limitan as consecuencias negativas na igualdade de condicións de competencia no mercado único. Ademais, os Estados que teñan intención de modificar as medidas de axuda existentes co fin de prorrogar a súa duración ata o 31 de decembro de 2021, aumentar o seu orzamento ou adaptalas ao MT, na súa versión modificada adoptada, poden notificar en bloque tales modificacións. Iso fará diminuír a carga administrativa dos Estados.