Actualidade

Portada » Actualidade » Ampla participación galega na Semana Europea das Rexións e Cidades 2021

Ampla participación galega na Semana Europea das Rexións e Cidades 2021

16/09/2021 | , ,

  • A Fundación Galicia Europa anima a entidades públicas e privadas galegas a asistir a este gran foro de intercambio de experiencias rexionais e locais
  • Baixo o lema “Xuntos pola recuperación”, a Semana Europea das Rexións e Cidades terá lugar do 12 ao 14 de outubro en formato virtual, e estará centrada na participación cidadá na recuperación económica, a cohesión e as transicións verde e dixital
  • En cinco dos máis de 300 seminarios previstos estará presente a experiencia galega en eidos como a demografía, a biodiversidade, a dixitalización ou a descarbonización

Bruxelas, 16 de setembro de 2021. Un ano máis, volve a Semana Europea das Rexións e Cidades (EWRC polas súas siglas en inglés), o evento de referencia en política e iniciativas rexionais e urbanas que este ano, ao igual que o anterior, será enteiramente dixital por mor da COVID-19.

Baixo o lema ”Xuntos pola recuperación”, entre o 12 e o 14 de outubro celebraranse máis de 300 sesións en torno a catro temas: participación dos cidadáns na recuperación económica, cohesión (da emerxencia á resiliencia), a transición verde para unha recuperación sostible e a transformación dixital. Responsables políticos, xestores, investigadores, xornalistas e cidadáns en xeral están chamados a participar nestes debates nos que se abordarán retos comúns a todas as rexións e municipios europeos. Ademais da asistencia virtual aos seminarios, os inscritos da #EURegionsWeek poden iniciar conversas entre eles e programar reunións bilaterais a través dunha plataforma en liña.

A Fundación Galicia Europa expón a experiencia galega en dous deles: o martes 12, presenta o proxecto LIFE in Common Land da Deputación de Lugo no seminario ”Sustentabilidade máis aló das fronteiras nacionais: a cooperación transfronteiriza como motor do cambio na protección da biodiversidade”, e o mércores 13, organiza a EU Region Talk “A experiencia das rexións europeas na xestión do cambio demográfico. O exemplo de Galicia”, no que a Consellería de Política Social explicará as medidas postas en marcha para facer fronte ao despoboamento.

Tamén o 12 de outubro a Deputación de Lugo participa no seminario ”Envellecemento saudable na UE: o potencial da innovación dixital para a atención sanitaria e social das persoas maiores” e a Deputación de Ourense no debate a ”Interoperabilidade das solucións dixitais”. A Universidade da Coruña participa, pola súa parte, no seminario “Cidadáns intelixentes para a descarbonización” o 13 de outubro.

TecEuropa #EURegionsWeek

Ante a imposibilidade de organizar unha edición específica do programa TecEuropa para axudar ás entidades galegas a asistir a esta semana, como fixera en 2019, a FGE continúa co seu compromiso de facilitar e animar a asistencia galega aos actos da #EURegionsWeek. Para elo, ten en marcha unha campaña de comunicación nas redes sociais e ofrece unha escolma dos actos que poden ser máis interesantes dende o punto de vista galego.

Documentos para descarga: aquí

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data