Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » I+D+i »AGILE, un programa de 115 millóns para innovación en defensa
— A UE aposta por acelerar o desenvolvemento de tecnoloxías disruptivas para reforzar a defensa europea
Bruxelas, 25 de marzo de 2026. A Comisión Europea presentou AGILE, un novo instrumento de financiamento dotado con 115 millóns de euros destinado a acelerar o desenvolvemento e a implantación de tecnoloxías disruptivas no ámbito da defensa. Este programa piloto permitirá levar innovacións do laboratorio ao terreo nun tempo récord.
AGILE céntrase en apoiar ás pequenas e medianas empresas, incluídas startups e empresas en crecemento, facilitando o desenvolvemento de tecnoloxías como a intelixencia artificial, a computación cuántica ou os drones.
A guerra de agresión de Rusia contra Ucraína puxo de manifesto a necesidade de ciclos de innovación moito máis curtos no ámbito da defensa. As novas dinámicas esixen desenvolver, probar e despregar tecnoloxías en semanas ou meses, en lugar de anos. AGILE está deseñado precisamente para responder a este novo contexto, apoiando aos actores máis innovadores e áxiles do sector.
O programa ofrecerá financiamento máis rápido e flexible, permitindo conceder subvencións nun prazo aproximado de catro meses. Ademais, prevese que as tecnoloxías desenvolvidas poidan estar dispoñibles para as forzas armadas nun período de entre un e tres anos.
AGILE apoiará entre 20 e 30 proxectos, cunha cobertura de ata o 100 % dos custos subvencionables. Tamén incluirá unha cláusula retroactiva que permitirá ás empresas recuperar gastos realizados ata tres meses antes do peche da convocatoria, co fin de facilitar unha innovación máis áxil.
O programa abrangue dúas grandes liñas de actuación: o desenvolvemento de tecnoloxías de defensa disruptivas orientadas a misións concretas e a súa comercialización, para garantir que estas solucións cheguen ao mercado.
AGILE estará aliñado coas necesidades máis urxentes dos Estados membros e contribuirá a que a defensa europea sexa máis innovadora e estea preparada para responder con rapidez a posibles ameazas.
Próximos pasos
A Comisión presentará unha proposta lexislativa ao Parlamento Europeo e ao Consello para a creación formal deste instrumento. Prevese que AGILE entre en funcionamento a comezos de 2027.
Máis información: Comisión Europea
© European Union, 2026