Programa TecEuropa

Portada » Actividades » Programa TecEuropa

Obxectivos

A Fundación Galicia Europa puxo en marcha en 2015 o programa de especialización en financiamento comunitario “TecEuropa” cun dobre obxectivo:

  • Proporcionar ao persoal técnico das entidades públicas e ao terceiro sector de Galicia unha visión xeral das diferentes fontes de financiamento comunitario e, sobre todo, a oportunidade de comprender a lóxica de intervención da UE a través dos diferentes fondos e programas dispoñibles.
  • Crear unha rede de técnicos en Galicia para compartir experiencias e coñecementos, así como para desenvolver eventualmente proxectos conxuntos.

Actividades

Entre 2015 e 2019 o programa desenvolveu nove edicións consistentes en:

  • Unha semana de estadía en Bruxelas, onde se proporciona formación teórica sobre as políticas da UE e os recursos financeiros que as apoian, complementándose con visitas ás institucións comunitarias e o contacto con funcionarios europeos.
  • Dous días en Santiago de Compostela para a formación práctica na redacción de candidaturas e a xestión de proxectos europeos.

En 2020, por mor da pandemia, o programa adoptou un formato dixital, aínda que mantendo o dobre enfoque, teórico e práctico. 

Beneficiarios

Persoal ao servizo das entidades públicas e privadas galegas que traballan en proxectos europeos ou con fondos comunitarios nun sentido máis amplo.

Dende o seu lanzamento, TecEuropa reuniu a máis de 700 participantes: case 200 nas edicións presenciais e máis de 500 nas edicións virtuais. A participación é moi variada: sector público autonómico, concellos e deputacións, entidades sociais, universidades, entidades dedicadas á I+D+i, clusters, etc. Esta variedade permite vencellar diversas experiencias profesionais e puntos de vista sobre o uso dos fondos europeos en Galicia.

Financiamento

Nas edicións presencias, a Fundación Galicia Europa convoca un número limitado de prazas de formación. Os participantes -seleccionados en función do interese da súa entidade, experiencia e formación- poden solicitar o reembolso dos gastos de aloxamento e manutención en Bruxelas. A asistencia ás actividades é gratuíta.

Nas edicións virtuais, non hai un número limitado de prazas e a asistencia é tamén gratuíta. O requisito para poder participar é traballar nunha entidade galega interesada nos fondos e proxectos europeos.

Balance

Tras a súa participación no programa TecEuropa, os asistentes avaliaron positivamente a experiencia por:

  • A oportunidade de obter información de primeira man sobre a actividade das institucións europeas.
  • A visión xeral ofrecida do financiamento comunitario.
  • O contacto establecido con persoas doutras entidades en Galicia que desenvolven proxectos europeos ou xestionan fondos comunitarios.
  • A posibilidade de poñer en común as experiencias de distintos actores en diferentes fases da execución dos fondos: autoridade de xestión, organismos intermedios, beneficiarios…
  • A ocasión que supón para reflexionar sobre a intervención pública e privada á hora de enfrontar retos en Galicia como o desemprego, o declive demográfico ou a loita contra o cambio climático.

Edicións previstas en 2023

En 2023 prevense dúas edicións en formato virtual: do 14 ao 23 de xuño e do 8 ao 17 de novembro.

 

Programa TecEuropa
Programa TecEuropa
Programa TecEuropa
Programa TecEuropa

TecEuropa 2023

TecEuropa clásico (xuño)

A 17ª edición de Teceuropa celebrarase do 14 ao 23 de xuño de 2023.

Ao longo de catro sesións, os asistentes abordarán, da man de especialistas e representantes comunitarios, as principais políticas europeas e identificarán as diferentes oportunidades de financiamento que ofrece o actual marco financeiro europeo. Así, a primeira xornada (mércores 14) contará con conferencias sobre a actualidade e os desafíos da Unión Europea. As sesións seguintes, os  días 16, 21 e 23 de xuño, o contido será máis práctico e centrado nos diferentes programas de financiamento comunitario. Tamén faranse obradoiros sobre algunhas convocatorias con exemplos prácticos de propostas.

Podes consultar máis información sobre a 18ª edición nesta ligazón.

TecEuropa 2022

TecEuropa clásico (novembro)

A 17ª edición de Teceuropa celebrouse do 16 ao 25 de novembro de 2022.

Ao longo de catro sesións, os asistentes abordaron, da man de especialistas e representantes comunitarios, as principais políticas europeas e identificarán as diferentes oportunidades de financiamento que ofrece o actual marco financeiro europeo. Así, as dúas primeiras xornadas (mércores 16 e venres 18), contaron con conferencias sobre a actualidade e os desafíos da Unión Europea. Na semana seguinte, os días 23 e 25 de novembro, o contido foi máis práctico centrado nos diferentes programas de financiamento comunitario. Posteriormente, fixéronse obradoiros sobre algunhas convocatorias con exemplos prácticos de propostas.

Podes consultar máis información sobre a 17ª edición nesta ligazón.

TecEuropa clásico (maio)

A 16ª edición de TecEuropa celebrouse entre o 4 e 13 de maio de 2022 e nela participaron máis de 150 persoas. 

Ao longo de catro sesións, os asistentes puideron achegarse, da man de especialistas e representantes comunitarios, ás principais políticas europeas, especialmente ás relacionadas coa dobre transición ecolóxica e dixital. Serviulles, ademais, para identificar as diferentes oportunidades de financiamento que ofrece o actual marco financeiro europeo, así como o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, Horizonte Europa ou os novos programas de cooperación territorial europea.

Consulta o programa da edición na seguinte ligazón.

TecEuropa 2021

TecEuropa clásico

A XV Edición de TecEuropa tivo lugar entre o 9 e o 19 de novembro e contou con máis de 80 inscritos de entidades galegas públicas e privadas sen ánimo de lucro. Ao longo das cinco xornadas de duración do curso, os asistentes puideron abordar da man de especialistas comunitarios e representantes da Comisión Europea, o novo Marco Financeiro Plurianual 21-27 e o instrumento temporal de recuperación “Next Generation UE”, con especial fincapé nas transicións ecolóxica e dixital e en programas europeos como Horizonte Europa.

Consulta o programa desta edición nesta ligazón.

TecEuropa ONGD

A XIV Edición de TecEuropa, celebrada entre o 14 e o 24 de setembro, foi a primeira dedicada na súa totalidade aos axentes de cooperación. Ao longo de cinco sesións virtuais, case medio cento deles puideron coñecer máis sobre as liñas de financiamento europeo existentes en materia de axuda humanitaria e de cooperación ao desenvolvemento en América Latina e África

TecEuropa empresas

A XIII Edición de TecEuropa, celebrada entre o 8 e o 18 de xuño, foi a primeira dedicada na súa totalidade a entidades privadas galegas, como empresas, clústeres, cámaras de comercio ou entidades de apoio empresarial.

Ademais de profundar, da man de especialistas e de representantes da Comisión Europea, nos detalles do Marco Financeiro Plurianual 2021-2027, do novo instrumento temporal de recuperación Next Generation UE e das políticas máis interesantes a nivel empresarial, como a Estratexia europea para pemes, os asistentes recibiron información sobre o programa de apoio á innovación das pemes, da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e sobre as liñas de apoio ás empresas, do Instituto Galego de promoción Económica (IGAPE).

Consulta o programa desta edición na seguinte ligazón.

TecEuropa clásico

A XII Edición de TecEuropa tivo lugar entre o 20 e o 30 de abril de 2021. Ao longo das cinco xornadas de duración do curso, os asistentes puideron abordar da man de especialistas comunitarios e representantes da Comisión Europea, o novo Marco Financeiro Plurianual 21-27 e o instrumento temporal de recuperación “Next Generation UE”, con especial fincapé nas transicións ecolóxica e dixital e en programas europeos como Horizonte Europa.

Ademais, esta edición contou coa participación do director xeral de Planificación e Orzamentos da Xunta de Galicia, Miguel Corgos, quen explicou aos asistentes os traballos da comisión “Next Generation Galicia”, e de varias entidades galegas, que compartiron a súa experiencia en xestión de fondos europeos, como SOGAMA, a Fundación Juana de Vega ou Bioga.

Consulta o programa desta edición aquí.

TecEuropa local

A XI Edición de TecEuropa, destinada exclusivamente as entidades locais (como concellos e deputacións), celebrouse entre o 4 e o 12 de marzo de 2021. Contou 5 sesións matinais, nas que se abordaron o Marco Financeiro Plurianual 21-27 e o instrumento temporal de recuperación “NextGenerationEu”, desde unha perspectiva local.

Consulta o programa desta undécima edición na seguinte ligazón.

TecEuropa 2020

TecEuropa clásico

A X Edición de TecEuropa tivo lugar entre o 17 e o 27 de novembro. Por mor da Covid-19, esta edición de TecEuropa desenvólvese nun formato completamente en liña, con cinco sesións centradas no novo período financeiro 21-27 e no novo instrumento temporal de recuperación NextGenerationEU.

Consulta o programa desta décima edición nesta ligazón.