Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Medioambiente e Clima » O Consello e o Parlamento acadan un acordo sobre a proposta de Directiva de Vixilancia do Solo

O Consello e o Parlamento acadan un acordo sobre a proposta de Directiva de Vixilancia do Solo

07/05/2025 | ,

— A Directiva pretende establecer un marco para a vixilancia do solo co obxectivo de mellorar a resiliencia e xestionar os riscos dos terreos contaminados.

— O acordo provisional deberá agora ser referendado polo Consello e o Parlamento.

Bruxelas, 7 de maio de 2025. O Consello acadou o pasado 10 de abril un acordo provisional co Parlamento Europeo sobre unha Directiva pola que se establece un marco para a vixilancia do solo co obxectivo de mellorar a resiliencia e xestionar os riscos dos terreos contaminados. Ademais, a Directiva fixará principios de mitigación da ocupación do solo, facendo especial fincapé no selado e na eliminación do solo.

Os solos sans son a base do 95 % dos alimentos, albergan máis do 25 % de toda a biodiversidade e son o maior almacén terrestre de carbono do planeta. Porén, o solo é un recurso limitado, e máis do 60 % dos solos da UE, segundo esta, non se atopan en bo estado.

O acordo provisional mantén o obxectivo non vinculante ao que se aspiraba, que é acadar solos sans de aquí a 2050. O acordo aínda debe ser confirmado por ambas as dúas institucións.

Marco de vixilancia exhaustivo

Os Estados membros, co apoio da Comisión, en primeiro lugar supervisarán e posteriormente avaliarán a saúde de todos os solos do seu territorio, de xeito que as autoridades de toda a UE poidan proporcionar un apoio axeitado para evitar e solucionar a degradación do solo.

Tanto o Consello como o Parlamento coincidiron na necesidade de establecer un marco sólido e coherente de vixilancia con datos comparables. Acordaron que os Estados membros determinen os puntos de mostraxe para a vixilancia, sobre a base dunha metodoloxía común da UE. Os colexisladores acadaron un acordo sobre os primeiros pasos para a vixilancia das substancias perfluoroalquiladas e polifluoroalquiladas e dos praguicidas.

Avaliacións da saúde do solo

O acordo provisional mantén o concepto de descritores comúns do solo (parámetros físicos, químicos e biolóxicos), tal como se indica na orientación xeral do Consello e na proposta inicial da Comisión.

Introduce tamén clases para describir a saúde do solo; estas basearíanse nos valores obxectivo e valores desencadeantes establecidos na orientación xeral do Consello:

  • valores obxectivo sustentables non vinculantes a escala da UE que reflictan os obxectivos a longo prazo;
  • valores desencadeantes operativos, establecidos a escala dos Estados membros para cada descritor do solo, destinados a priorizar e aplicar gradualmente disposicións que conduzan a un bo estado de saúde do solo.

Mitigación da ocupación do solo

A nova Directiva establecerá principios de mitigación da ocupación do solo, con especial fincapé nos seus aspectos máis visibles: o selado e a eliminación do solo. Os Estados membros terán en conta estes principios, aínda que se respectarán as decisións nacionais sobre ordenación do territorio, en particular no que respecta á vivenda, a minería, a agricultura sustentable e a transición enerxética.

Vindeiras etapas

.O acordo provisional deberá agora ser referendado polo Consello e o Parlamento. A continuación, será adoptado formalmente por ambas as dúas institucións tras a formalización xurídico-lingüística do texto.

Contexto

Segundo a Estratexia da UE para a Protección do Solo, presentada pola Comisión en 2021, a falta dunha lexislación específica da UE tense sinalado como unha das principais causas do alarmante estado dos solos da UE. Para garantir o mesmo nivel de protección do solo que existe para a auga, o medio mariño e o aire na UE, a Comisión presentou a Directiva de Vixilancia do Solo o 5 de xullo de 2023.

O obxectivo último desta Directiva é que todos os solos estean en bo estado de saúde de aquí a 2050, en consonancia coa ambición da UE de acadar a contaminación cero. A Directiva tamén contribuirá á consecución da Axenda 2030 das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Sustentable.

 

Fonte: Consello da Unión Europea

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data