• O prazo de inscrición finaliza o 18 de decembro ás 18:00h e a primeira actividade terá lugar ao día seguinte, 19 de decembro.
Santiago de Compostela, 11 de decembro. Desde a Eurocidade Chaves–Verín, AECT, organízase, baixo a marca Fronteira de Oportunidades una serie de xornadas online enmarcadas no proxecto Eurocidade 2020, do que a Fundación Galicia Europa forma parte como socio. Estas actividades teñen como obxectivo principal fomentar o impulso da actividade económico a través da internacionalización de proximidade, amosando as posibilidades de negocio que existen en ambos territorios.
A primeira sesión celebrarase o sábado 19 de decembro, e constará dunha xornada virtual de creatividade na que as persoas participantes terán que idear novas solución empresariais transfronterizas nos sectores máis afectados pola COVID-19, como o turismo ou a hostelería. As persoas participantes traballarán en equipos reducidos, nun claro exercicio de aposta pola creación de redes de contactos internacionais, procurando que se poidan estender máis aló da xornada.
A actividade vai dirixida a persoas maiores de 18 anos interesadas en explorar de maneira práctica as posibilidades económicas que se brindan na fronteira hispano-lusa. As inscricións realizaranse a través do seguinte enlace até o 18 de decembro ás 18:00h. 
PROXECTO EUROCIDADE_2020

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín é unha agrupación de municipios transfronteiriza con personalidade xurídica propia en España e Portugal que ten como misión xestionar de forma conxunta competencias locais co obxectivo de promover a converxencia institucional, económica, social, cultural e ambiental de todo o seu territorio de actuación.
Estas actividades lévanse a cabo no marco do proxecto EUROCIDADE_2020, aprobado polo Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, con cofinanciamento do FEDER.