Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea »
Aberto o prazo para a presentación de candidaturas á segunda edición dos Premios Nova Bauhaus Europea
— Ata o 28 de febreiro pódense presentar solicitudes a través da plataforma da iniciativa. Os proxectos deben integrar a sostibilidade, a inclusión e a estética.
— Aberto tamén o prazo para presentar candidaturas para participar no Festival Nova Bauhaus Europea ata o 7 de marzo.
A Comisión Europea acaba de anunciar a apertura do prazo para a presentación de candidaturas na segunda edición dos Premios Nova Bauhaus Europea. Esta edición celebra exemplos de transformación que a iniciativa pretende levar a cabo na vida cotiá e nos espazos que compartimos. Ao igual que no ano anterior, céntrase en proxectos que leven por bandeira a sostibilidade, a inclusión e a estética, achegando o Pacto Verde Europeo aos cidadáns. En total hai catro categorías nas que se pode concorrer aos galardóns:
1 – Reconectando coa natureza.
2 – Recuperando o sentimento de pertenza.
3- Priorizando os espazos e as persoas que máis o necesitan.
4 – Fomentando o pensamento de a longo prazo, ciclo de vida e integrado no ecosistema industrial
As catro liñas foron identificadas durante a fase de co-deseño da Nova Bauhaus Europea e fan referencia a catro temáticas clave da iniciativa. Ademais, en cada unha das catro categorías ás que se poden presentar proxectos, hai dúas correntes: Os Premios Nova Iniciativa Bauhaus (para proxectos que xa existen e foron rematados nos dous últimos anos) e as Estrelas en ascenso da Nova Bauhaus Europea (para conceptos ou ideas presentadas por creadores con menos de trinta anos). Ademais dos premios seleccionados polo xurado, dous por cada categoría e cada corrente, haberá dous premios adicionais seleccionados mediante votación pública. En total dezaseis gañadores recibirán ata trinta mil euros en contía económica, ademais dun paquete de comunicación para axudalos a desenvolver os seus proxectos. O prazo para a presentación de candidaturas pecha o 28 de febreiro de 2022, ás 19.00.
Festival Nova Bauhaus Europea
Esta semana abreu tamén o prazo para enviar mostras de interese para participar no primeiro Festival Nova Bauhaus Europea, que terá lugar en Bruxelas entre o 9 e o 12 de xuño.
A Comisión Europea invita a organizacións, colectivos artísticos, institucións, universidades, arquitectos, cidades, rexións, empresas, artistas, estudantes, científicos, innovadores e a todas as personas interesadas en participar. Pódese enviar a candidatura para participar na Feira, no Festival e en eventos paralelos.
O evento terá formato híbrido. Haberá actuacións en directo, exposicións, actividades participativas e un foro de debate e intercambio de ideas. O obxectivo do festival é que haxa unha maior participación cidadá para imaxinar a forma na que convivimos de maneira sostible, inclusiva e fermosa, así como para debater futuras formas de convivencia.
Contexto
O obxectivo da Nova Bauhaus Europea, anunciada por Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, no seu discurso sobre o estado da Unión de 2020, é contribuír á transición verde, mellorando a calidade de vida dos cidadáns. Trátase dunha iniciativa enmarcada no Pacto Verde Europeo, a estratexia de crecemento sostible da UE.
A Nova Bauhaus europea levará a cabo unha onda de renovación que non só afectase ós sectores económico, tecnolóxico e ambiental, senón que tamén incluirá o desenvolvemento cultural e social, dando unha gran importancia ao proceso creativo. Neste sentido, a Nova Bauhaus desenvolverase cun enfoque interdisciplinar que promoverá a participación de todas as partes interesadas, desde expertos en innovación, enxeñeiros e técnicos ata os axentes activos dos ecosistemas industriais e investidores públicos e privados.
Máis información: