- A directora da oficina da Fundación Galicia Europa (FGE) en Bruxelas, Ana Ramos, deu a benvida aos participantes da segunda edición de “Diálogos con”, organizada pola FGE con motivo da Semana Europea da Xuventude
- Durante esta sesión informativa, os asistentes puideron resolver as súas dúbidas sobre o programa Erasmus Emprendedores, da man de especialistas e de galegos emprendedores que compartiron a súa experiencia como beneficiarios do programa
Bruxelas, 9 de xuño de 2021. A semana pasada, a directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, inaugurou a segunda edición de “Diálogos con”, o ciclo de encontros virtuais da FGE dirixidos á xuventude, que, nesta ocasión, estiveron destinados a abordar o programa europeo Erasmus Emprendedores.
Durante a súa intervención, Ana Ramos animou aos mozos e mozas participantes a aproveitar a ocasión para resolver todas as súas dúbidas sobre este programa que, como indicou, ofrece a oportunidade de contar cunha experiencia internacional ao tempo que permite aprender e coñecer os diferentes xeitos de xestión empresarial noutros países europeos.
Ao longo desta sesión informativa, os participantes profundaron en todos os aspectos relativos ao programa e ao proceso de solicitude do mesmo, da man da súa responsable na Cámara de Santiago e Premio Europeo a Mellor Programa Erasmus Emprendedor, Belén Mendoza. Ademais, o encontro contou coa participación de dous galegos beneficiarios que compartiron a súa experiencia cos asistentes.
“Diálogos con” é unha iniciativa organizada pola Fundación Galicia Europa en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, enmarcada dentro da súa sección #EuroXuventude, coa que desexa continuar a dar resposta a un dos seus obxectivos fundacionais: formar e sensibilizar sobre Europa en Galicia.
A Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, esta fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 350 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.