• Unha delegación da Comisión de Recursos Naturais do
    organismo rexional visitou onte unha explotación gandeira e unha
    queixería, para coñecer de primeira man o sector da produción e a
    transformación do leite na nosa comunidade
  • A conselleira do Medio Rural e o director xeral de
    Relacións Exteriores e coa Unión Europea explicáronlles o carácter
    estratéxico desta actividade e incidiron na importancia de manter unhas
    rendas dignas para os nosos agricultores e gandeiros
  • Os responsables do Goberno galego insistiron na
    necesidade de simplificar a PAC e manter os apoios públicos á
    incorporación de mozos ao agro, entre outras demandas

Bruxelas, 15 de xuño de 2017. A
conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, trasladou onte aos membros da
Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións, de visita en
Galicia invitados pola Xunta, as prioridades da nosa comunidade con respecto á
futura PAC máis alá do 2020 e, en xeral, sobre as liñas fundamentais das
políticas comunitarias en relación co agro, atendendo á singularidade do noso
territorio en canto á produción de leite e á base territorial.

Así, a conselleira, que estivo acompañada polo director
xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, incidiu na
importancia que para a nosa comunidade ten o mantemento no futuro dos dous
piares da PAC (pagos directos a explotacións e política de desenvolvemento
rural). Trátase, segundo explicou Ángeles Vázquez, de manter unhas rendas
dignas para os nosos agricultores e gandeiros, sen descoidar o enfoque máis
amplo das políticas orientadas a impulsar o agro desde o punto de vista social,
económico e ambiental.

Ao tempo, a conselleira transmitiu outras demandas de
Galicia en relación coa PAC, como é a súa necesaria simplificación ou o
mantemento dos apoios á incorporación de mozos, e lembrou os esforzos
realizados pola Xunta para acadar a aplicación de medidas especialmente
orientadas cara o sector lácteo, entre elas o cambio do período de verificación
dos cultivos. Precisamente na busca de medidas para este eido, a conselleira
sinalou que o seu departamento está a avanzar na mellora da base territorial
das explotacións galegas, impulsando os procesos de reestruturación parcelaria
ou o labor do Banco de Terras.

 

Interese
estratéxico do lácteo

Ángeles Vázquez remarcou que a produción e transformación
do leite teñen para Galicia un interese estratéxico e por iso precisamente
convidouse aos integrantes desta comisión a coñecer sobre o terreo esta
actividade. A conselleira insistiu en que a nosa comunidade ten o mellor
produto, grazas ás especiais características do noso territorio, clima e solos,
e á profesionalidade dos gandeiros e das industrias para transformalo. Neste
senso, engadiu, é preciso seguir facendo un esforzo para dar un paso máis no
camiño da excelencia neste eido da transformación, polo que supón de posta en
valor do produto.

Precisamente os representantes tiveron a oportunidade de
visitar a explotación gandeira Sociedad entreaugas, situada na parroquia de
Fisteus, no concello coruñés de Curtis, e de desprazarse ata o municipio de
Touro para coñecer a queixería Queizuar, na parroquia de Bama. Deste xeito
teñen unha visión directa do sector leiteiro galego, algo fundamental para
realizar con coñecemento de causa o seu traballo nas institucións comunitarias,
que se centra en temas coma o desenvolvemento rural, a PAC ou a produción alimentaria.

En total foron 11 os membros deste organismo (coñecido como
Comisión NAT) presentes en Galicia, de países tan diversos como Irlanda,
Polonia, Estonia, Luxemburgo, Italia, Letonia, Romanía, Reino Unido ou Grecia.
A súa estadía en Galicia coincidiu cun momento de debate e negociación, no seo
das institucións comunitarias, arredor da futura PAC despois do 2020, polo que
resulta moi oportuna para sensibilizalos sobre o impacto das políticas
agrícolas da UE no plano rexional en comunidades como a nosa, nas que o agro e
o sector lácteo teñen un peso moi especial.