Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Enerxía » A Xunta traslada á Comisión Europea a súa preocupación polo bloqueo aos parques eólicos en Galicia

A Xunta traslada á Comisión Europea a súa preocupación polo bloqueo aos parques eólicos en Galicia

11/09/2024 | ,

Nunha reunión celebrada en Bruxelas entre a conselleira de Medio Ambiente e o Servizo Xurídico da CE, o equipo de Ángeles Vázquez contou co acompañamento e asesoramento técnico da Fundación Galicia Europa, que organizou a visita

Bruxelas, 11 de setembro de 2024. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo este mércores unha reunión con representantes do Servizo Xurídico da Comisión Europea. Vázquez trasladoulles a preocupación do Goberno galego pola parálise xudicial que afecta a unha centena de proxectos eólicos en Galicia.

Nun contexto no que as enerxías renovables son claves para lograr os obxectivos do Pacto Verde Europeo, a conselleira expuxo a necesidade que ten a nosa comunidade de superar este bloqueo. Nese sentido, apelou á colaboración da Unión Europea para atopar solución que axuden a clarificar e axilizar a tramitación dos proxectos eólicos en Galicia e poder, así, cumprir co reto da descarbonización e avanzar cara ao obxectivo da neutralidade climática antes de 2050.

A Xunta pide o apoio da UE para poder avanzar nos obxectivos compartidos da descarbonización e a neutralidade climática

Vázquez lembrou que as políticas do Goberno galego neste ámbito están aliñadas coa folla de ruta da Comisión, con medidas como a futura Lei galega de administración ambiental simplificada, co obxectivo de que Galicia lidere a aposta polas enerxías limpas.

Visita organizada pola Fundación Galicia Europa

A conselleira completou a súa viaxe institucional con reunións con representantes de diferentes organismos comunitarios e expertos xuristas para abordar a situación do sector eólico en Galicia así como outros asuntos relacionados coa enerxía verde, a redución das emisións contaminantes e a loita contra o quecemento global. Encontros nos que contou co acompañamento e asesoramento técnico da Fundación Galicia Europa. O seu equipo en Bruxelas, con Ana Ramos, directora da oficina, á cabeza, encargouse da organización da visita e da axenda de reunións. 

Vázquez tivo a oportunidade de compartir co director de Biodiversidade da dirección xeral de Medio Ambiente da Comisión, Humberto Delgado, o modelo de tramitación de proxectos estratéxicos da Xunta, que ten como obxectivo garantir un desenvolvemento sostible e respectuoso co medio ambiente.

A conselleira informou o director de que o Goberno galego está a traballar na Lei de administración ambiental simplificada co obxectivo de introducir unha maior claridade e certeza no ordenamento xurídico ambiental de Galicia, reforzando a seguridade xurídica dos promotores e das administracións públicas que teñen que aplicar o referido marco legal.

Vázquez tamén se reuniu co director de Transición Verde e Integración do Sistema Enerxético da dirección xeral de Enerxía da CE, Lukasz Kolinski, quen lle trasladou que as enerxías renovables seguirán no centro da axenda política de Europa e puxo en valor o compromiso de Galicia co seu desenvolvemento para asegurar o abastecemento enerxético e coadxuvar á descarbonización.

Contexto

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que suspendeu a tramitación de varios proxectos eólicos en Galicia, presentou una cuestión prexudicial ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE). A Xunta aspira a que o TXUE resolva o antes posible esta cuestión, para clarificar e axilizar os proxectos paralizados na comunidade.

Máis información:

Galicia solicita a axuda de Europa para desbloquear a tramitación dos parques eólicos e poder cumprir coa descarbonización e a neutralidade climática (Xunta de Galicia)

A Xunta expón á Comisión Europea o seu modelo de tramitación de proxectos estratéxicos para garantir un desenvolvemento respectuoso co medio ambiente (Xunta de Galicia)

Fundación Galicia Europa 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data