Actualidade

Portada » Actualidade » A Xunta suma o apoio da Asemblea Rexional e Local Euromediterránea (ARLEM) ás mostras de solidariedade con Valencia

A Xunta suma o apoio da Asemblea Rexional e Local Euromediterránea (ARLEM) ás mostras de solidariedade con Valencia

05/11/2024 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou na sesión de ARLEM en Ammán (Xordania), onde os participantes se uniron á consternación de Galicia cos afectados pola DINA

— Jesús Gamallo tamén defendeu o alto o fogo inmediato e o respecto ao dereito internacional humanitario na rexión, ademais de apostar pola cooperación entre ambas ribeiras do mediterráneo nas políticas climáticas ou de xuventude

Ammán (Xordania), 5 de novembro de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou nas reunións do buró político e da sesión plenaria da Asemblea Rexional Euromediteránea (ARLEM) en Ammán (Xordania). Fíxoo en calidade de portavoz na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Internacionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR). Nestas citas, o director xeral sumou o apoio de ARLEM ás mostras de solidariedade con Valencia, Castela-A Mancha e Andalucía. Os participantes uníronse cun minuto de silencio á consternación de Galicia cos afectados pola DINA.

Os membros de ARLEM tamén mostraron con ese xesto a súa preocupación polas vítimas civís da guerra de Gaza. No debate sobre a situación na rexión, Gamallo defendeu o alto o fogo inmediato e o respecto ao dereito internacional humanitario. A Xunta aposta, en xeral, pola cooperación entre ambas ribeiras do mediterráneo en áreas como a loita contra o cambio climático e a transición enerxética, o diálogo intercultural e as políticas de xuventude, entre outras cuestións.

Galicia en ARLEM

A Asemblea Rexional Euromediterránea (ARLEM) está formada por representantes locais e rexionais da Unión Europea e dos seus socios mediterráneos. Foi creada en 2010 polo Comité Europeo das Rexións (CdR) para que estes actores da UE e os seus homólogos da Unión polo Mediterráneo (UpM) manteñan diálogos políticos e promovan a cooperación interrexional.

No encontro celebrado estes días en Ammán (Xordania) abordáronse asuntos como as recomendacións políticas de ARLEM para 2025, ademais de cuestións máis específicas como a axenda estratéxica euromediterránea no actual contexto xeopolítico ou a resiliencia hidrográfica da rexión, xunto á devandita loita contra o cambio climático e a transición enerxética ou o diálogo intercultural. A cita, que tamén contou coa presencia do embaixador de España en Xordania, Miguel de Lucas, culminou coa cerimonia dos premios da Asemblea, que recoñecen o emprendemento da mocidade no ámbito local mediterráneo.

Contexto

O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Galicia participa na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na Comisión de Recursos Naturais (NAT).

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data