Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » A Xunta subliña en Bilbao que o desenvolvemento da eólica mariña debe garantir a súa compatibilidade coa pesca e a preservación do ecosistema

A Xunta subliña en Bilbao que o desenvolvemento da eólica mariña debe garantir a súa compatibilidade coa pesca e a preservación do ecosistema

04/04/2022 |

— A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou nunha mesa redonda organizada pola Comisión do Arco Atlántico da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas e a WindEurope Conference 

— Lembra que en Galicia creouse o ano pasado o Observatorio de Eólica Mariña para estudar entre todos os axentes implicados os diferentes aspectos do seu desenvolvemento 

—Fai fincapé tamén en que é preciso que se axilice ao máximo o desenvolvemento normativo en España, de forma que se achegue seguridade xurídica aos investidores e ao sector marítimo-pesqueiro  

 

Bilbao, 4 de abril de 2022. Co apoio da Fundación Galicia Europa, a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou hoxe en Bilbao nunha reunión da Comisión do Arco Atlántico na que se aprobou unha declaración política con mensaxes clave para impulsar as enerxías renovables en alta mar no Atlántico. Uría destacou as capacidades da industria galega no ámbito da enerxía eólica mariña e fixo fincapé en que o seu desenvolvemento debe pasar sempre por garantir a súa compatibilidade coa actividade pesqueira e a preservación do ecosistema.
 
Na súa intervención nesta mesa redonda celebrada no marco da conferencia anual do sector eólico, WindEurope Conference, a directora xeral fixo fincapé en que Galicia, ademais de ser a rexión con maior recurso eólico offshore da Península Ibérica polas súas condicións de vento, é tamén unha potencia no plano industrial.
 
Neste sentido, lembrou que, das 13 estruturas flotantes realizadas no mundo, 11 realizáronse en Galicia, o que “demostra o papel que están a xogar tanto as grandes empresas tratoras como as pemes que fabrican compoñentes no marco de toda a cadea de valor desta tecnoloxía”. Paula Uría destacou que estas empresas galegas están a apostar claramente polo impulso da internacionalización dos seus produtos, do seu know-how e da súa tecnoloxía.
 
Uría puxo tamén de relevo que desde o Goberno galego trabállase para un correcto desenvolvemento deste sector, garantindo a compatibilidade coas actividades existentes, con especial sensibilidade co sector pesqueiro e o respecto ao medio natural. Neste sentido, lembrou que en Galicia creouse en xuño de 2021 o Observatorio de Eólica Mariña, un foro de encontro e análise para que todos os axentes implicados poidan estudar os diferentes aspectos que permitan o seu desenvolvemento ordenado.
 
En relación coa ordenación do espazo marítimo, a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais subliñou que é preciso que se axilice ao máximo o desenvolvemento normativo en España, de forma que achegue seguridade xurídica aos investidores e ao sector marítimo-pesqueiro. Neste sentido, a Xunta está pendente de coñecer o documento definitivo dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), que dependen do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Nesta folla de roteiro deberán establecerse cales son as zonas nas que se poderá estudar a posibilidade de instalar parques, así como as liñas de evacuación.
 
Máis información: 

 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data