Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Axenda Dixital » A Xunta promove en Bruxelas o debate sobre o papel das rexións no desenvolvemento da intelixencia artificial

A Xunta promove en Bruxelas o debate sobre o papel das rexións no desenvolvemento da intelixencia artificial

26/01/2023 |

— A Fundación Galicia Europa acolleu na capital comunitaria a xornada “Intelixencia artificial, intelixencia rexional”

— Expertos da Comisión, do Parlamento e da Representación Permanente de España en Europa, así como da Universidade de Santiago, debateron sobre o marco legal que está a elaborar a Unión Europea

Bruxelas, 26 de xaneiro de 2023. A sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas acolleu hoxe a xornada “Intelixencia artificial, intelixencia rexional”, promovida pola Xunta de Galicia, na que representantes da Comisión Europea, do Parlamento, do Goberno de España e da Universidade debateron sobre o papel das Comunidades Autónomas ante o desenvolvemento da intelixencia artificial.

Na xornada participou o responsable de políticas da DG-CONNECT, da Comisión Europea, Martin Ulbrich; a eurodeputada Pilar del Castillo; o Conselleiro de Transformación Dixital da Representación Permanente de España na UE (REPER), Carlos Romero; e o profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, Marcos Almeida. O debate estivo moderado pola directora da Oficina de Apoio Estratéxico e de Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Consellería de Facenda e Administración Pública), María Bobillo.

O alto funcionario da DG CONNECT Martin Ulbrich destacou durante a súa intervención a importancia da creación de estándares e códigos de conducta voluntarios por parte de empresas e administracións para aqueles usos da intelixencia artificial que, ao non ser considerados de alto risco, non se verán afectado pola nova lei.

Pola súa parte, a deputada do Grupo Popular no Parlamento Pilar del Castillo anunciou que agarda que a proposta sobre a nova Lei europea de IA poida estar lista a finais de febreiro para ser sometida ao pleno da Cámara, como paso previo a ser sometida ao procedemento de co-decisión. Sen embargo, engadiu que o proceso está a ser lento pola existencia de desacordos en aspectos como a conveniencia de crear unha oficina europea de IA ou sobre a prohibición de prácticas relacionadas coa identificación biométrica a tempo real, a vixilancia paliativa, o coñecemento emocional e os auto-riscos en aspectos como os algoritmos aplicados a medios de comunicación, saúde ou pago e cobro de débedas.

O conselleiro da REPER Carlos Romero incidiu en que a regulación europea non terá soamente un carácter restritivo, senón tamén incentivador. As empresas poderán testar os seus sistemas, o que incidirá na súa eficiencia e na mellora da súa produtividade e competitividade.

A regulación europea non terá soamente un carácter restritivo, senón tamén incentivador.

Durante a súa intervención, o profesor de Dereito Administrativo e responsable das políticas de protección de datos da Universidade de Santiago Marcos Almeida avanzou algúns dos resultados do “Estudo sobre o marco ético e normativo e o potencial impacto da intelixencia artificial en Galicia”. Este traballo, que será presentado nas próximas semanas, é o resultado dun convenio asinado pola Xunta de Galicia coas tres universidades públicas da nosa Comunidade.

Marcos Almeida destacou que a Lei que prepara a UE ten a virtude de estar perfectamente integrada no actual marco legal sobre protección de datos, e o que fai é adaptalo a cuestións concretas como a intelixencia artificial ou a identificación biométrica.

O marco ético e normativo para o desenvolvemento da intelixencia artificial debe incluír mecanismos sociais de control, segundo destacou Marcos Almeida. Neste sentido, defendeu a creación de escenarios de proba de sistemas de intelixencia artificial nos que a sociedade poida participar.

A directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María Bobillo, tamén se referiu as conclusións do estudio elaborado polas tres universidades, que indican que “Galicia estase situando como rexión precursora e á vangarda dunha intelixencia artificial ética e fiable en liñas coas políticas europeas”.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data