Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE

A Xunta presenta en Bruxelas a Axenda Galega de Capacidades, coa que se pretende axustar a formación para o emprego e a demanda do mercado

29/03/2022 |

 

— A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou na reunión final do proxecto Mates para mellorar a competitividade das tecnoloxías marítimas na UE

 

— Lado adiantou que en abril os grupos de traballo da Axenda de Capacidades presentarán unha primeira proposta de formación para o emprego

 

Bruxelas, 29 de marzo de 2022.- A Xunta presentou hoxe en Bruxelas os dous grandes instrumentos cos que Galicia está a renovar a súa oferta de formación para o emprego: a Axenda Galega de Capacidades e o Estudo de Tecnoloxías Emerxentes para a transformación do emprego. A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou na reunión final do proxecto europeo Mates, que, coordinado pola Fundación Cetmar, que elabora un plan estratéxico para mellorar a competitividade das tecnoloxías marítimas en Europa a través da adecuación das formacións existentes. A Consellería de Emprego e Igualdade está a desenvolver liñas de traballo para dar resposta ás necesidades de formación que o mercado laboral require.
 
O proxecto europeo Mates, ao igual que no caso galego, está a conxugar as aportacións da comunidade educativa e científica coas da industria, a sociedade e a administración, para analizar as necesidades de competencias dos traballadores do futuro. Nesta liña, a Xunta defendeu en Bruxelas a Axenda Galega de Capacidades como ferramenta que traslada os principios da Axenda Europea de Capacidades á realidade galega, co obxectivo de adaptar a súa oferta de formación para o emprego ás demandas do tecido produtivo.
 
Para o deseño da axenda creáronse 9 grupos de traballo de diferentes sectores como a construción, os coidados, a economía verde ou a economía azul ou blue economy. Neste último encádrase a pesca, o naval, as enerxías renovables mariñas e o sector do metal vencellado co sector marítimo. Tal e como anunciou Lado, concluída a fase de análise, os axentes participantes no proxecto (asociacións de empresarios e traballadores, clústers, centros de investigación, autónomos ou representantes da economía social) comezarán a elaborar este mes de abril as súas propostas para a formación.
 
As actuacións da Axenda incorporaranse a un programa financiado co fondos europeos e para o que Galicia disporá un total de 7,5 millóns de euros entre 2021-2027.
 
A Consellería de Emprego e Igualdade tamén presentou neste foro o seu Estudo de Tecnoloxías Emerxentes encamiñado a preparar unha proposta de cualificacións profesionais que serán necesarias nos traballos do futuro. A Xunta vén de analizar 14 tecnoloxías emerxentes nun total de 15 sectores, nos que tamén se inclúen as enerxías renovables e a construción de barcos. Os principais retos neste ámbito consistirán na dixitalización dos procesos ou a súa automatización e estarán en risco de desaparecer os perfís de persoas sen habilidades dixitais. Pola contra, da análise do sector do mar despréndese que os postos máis demandados no futuro serán os relacionados coa transformación tecnolóxica na fabricación e cos procesos de instalación e mantemento.
 
O proxecto Mates vén de confirmar que a formación para o emprego é esencial para que promocionar sectores emerxentes con proxección en termos económicos e de empregabilidade, tal e como constatou a representante da Xunta, quen quixo incidir en que a colaboración entre o sector público e privado produce un efecto multiplicador na calidade dos resultados acadados.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data