Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Emprego e Asuntos Sociais » A Xunta presenta a nova Lei de impulso demográfico na Semana Europea das Rexións e Cidades

A Xunta presenta a nova Lei de impulso demográfico na Semana Europea das Rexións e Cidades

13/10/2021 | ,

  • Na sesión, organizada pola Fundación Galicia Europa, emitíuse un vídeo da conselleira de Política Social, Fabiola García, no que presentou a Lei de impulso demográfico aprobada a principios de ano polo Parlamento de Galicia. 
  • Fabiola García pon en valor a importancia de contar cunha ampla implicación de todo o tecido social para que Europa poida reverter a tendencia demográfica.  
  • Baixo o lema “Xuntos pola recuperación”, a Semana Europea das Rexións e Cidades conta este ano cunha ampla participación galega que aborda temas como a biodiversidade, a dixitalización ou a descarbonización. 

 

Bruxelas, 13 de outubro de 2021.– Hoxe, a conselleira de Política Social, Fabiola García, representou a Galicia na Semana Europea das Rexións e Cidades, o evento de referencia a nivel europeo en política e iniciativas rexionais e urbanas que este ano, ao igual que o anterior, ten lugar de xeito enteiramente virtual por mor da COVID-19.

Durante a sesión “A experiencia das rexións europeas na xestión do cambio demográfico. O exemplo de Galicia”, organizada pola Fundación Galicia Europa, a conselleira presentou o conxunto de medidas que compoñen a estratexia galega para loitar contra o despoboamento, como a “tarxeta benvida”, as “casas niño” ou a nova Lei de impulso demográfico aprobada a principios de ano en sede parlamentaria.

Como explicou a conselleira ante máis de 70 asistentes de numerosas rexións europeas, esta lei, pioneira en España, aborda a cuestión demográfica desde unha perspectiva transversal á elaboración das políticas autonómicas de Galicia, apoiando a vertebración territorial e fomentando o retorno dos galegos no exterior e o envellecemento activo. Nesta mesma liña, destacou, por unha banda, que ”para que a sociedade europea consiga reverter a tendencia demográfica, é precisa a implicación de todo o tecido social” e, por outra, a importancia de que a cuestión demográfica estea situada no máis alto da axenda de prioridades nacional e europea.

Un aspecto, este último, sobre o que asegurou que Galicia leva moitos anos traballando e que xa se traduciu en diversos fitos, como a creación dun foro de comunidades autónomas con preocupacións semellantes, a creación dun Alto Comisionado a nivel nacional para abordar o despoboamento e a aprobación no 2016, gracias ao apoio galego, do ditame “Herrera Campo” por parte do Comité Europeo das Rexións. 

A Semana Europea das Rexións e Cidades conta nesta décimo novena edición con máis participación galega. A propia Fundación Galicia Europa presenta o proxecto “Life In Common Land”, desenvolto pola Deputación de Lugo na Serra do Xistral. Esta mesma deputación organiza, ademais, un seminario sobre innovación dixital aplicada á atención das persoas maiores, mentres que a Deputación de Ourense aborda o tema da interoperabilidade das solucións dixitais e a Universidade da Coruña a descarbonización a través da acción cidadá.

Accede á sesión gravada da FGE sobre demografía aquí.
Accede á sesión gravada da FGE sobre o proxecto “Life in Common Land” aquí.

TecEuropa #EURegionsWeek

Ante a imposibilidade de organizar unha edición específica do programa “TecEuropa” para axudar ás entidades galegas a asistir a esta semana, como fixera en 2019, a Fundación Galicia Europa continúa co seu compromiso de facilitar e animar a asistencia galega aos actos da #EURegionsWeek. Para iso, ten en marcha unha campaña de comunicación nas redes sociais e realizou unha escolma dos actos que poden ser máis interesantes dende o punto de vista galego.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data