- A visita foi organizada pola Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións
- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, formou parte da delegación de 13 membros que participaron nesta actividade
- O obxectivo da visita é o intercambio de información que permita identificar puntos de mellora no funcionamento desta rede de información da Comisión Europea
Emilia Romagna (Italia), 17 de outubro de 2018. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, desprazouse ata Italia para participar nun intercambio de boas prácticas, organizado pola Comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións, coa finalidade de poñer en común estratexias para informar e implicar aos cidadáns europeos nos debates sobre o futuro de Europa e nas eleccións ao Parlamento Europeo que se celebrarán en maio de 2019. Tras o intercambio de información, a delegación de CIVEX formulará propostas á Comisión Europea para mellorar o funcionamento da rede Europe Direct, cuxa finalidade é achegar as institucións europeas aos cidadáns, ofrecendo información sobre a actualidade europea.
Convidados pola Asemblea Lexislativa da rexión de Emilia Romagna, os 13 membros do Comité Europeo das Rexións, coñeceron e debateron sobre diferentes métodos e técnicas para unha comunicación efectiva dos valores e actividades europeos que se poden poñer en marcha a través dos centros de información da Comisión Europea nos Estados membros. Para iso mantiveron reunións nos Europe Direct de Módena e Bolonia, coñecendo de primeira man os métodos que empregan para xestionar as actividades de comunicación e os servizos de información para os cidadáns.
Esta visita enmárcase dentro da campaña “Reflexionar sobre Europa” do Comité Europeo das Rexións, cuxo obxectivo é o de actuar a escala local, escoitar e transmitir en Bruxelas as preocupacións e propostas dos cidadáns sobre a Unión Europea que queren os cidadáns.
Eleccións europeas 2019
Outro motivo para impulsar o debate cos cidadáns é a celebración das eleccións ao Parlamento Europeo, que terán lugar o 26 de maio de 2019. Nestas eleccións elixirase á 9ª lexislatura desta Cámara que, tras o Brexit, verá reducido o seu tamaño. O Parlamento Europeo puxo en marcha unha campaña, “Esta vez voto”, para mobilizar a participación nestes comicios. Campaña á que os líderes locais e rexionais tamén se unen.
Futuro de Europa e Café con Europa en Galicia
No que vai de ano Galicia acolleu a celebración de tres Cafés con Europa e tres debates sobre o Futuro de Europa, promovidos polas representacións da Comisión e o Parlamento europeos en España, nos concellos de Riberia, Monforte de Lemos e Ponteareas. O próximo 5 de novembro en Verín os galegos terán de novo a oportunidade de tomar un Café con Europa e debater sobre o futuro da Unión Europea con representantes das Institucións.
No 2017, co apoio da Comisión Europea e do Comité Europeo das Rexións, a Fundación Galicia Europa organizou tres debates sobre o futuro de Europa en Santiago de Compostela. O primeiro deles, no mes de xaneiro, contou coa participación do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e do comisario de Acción polo Clima e Enerxía, Miguel Arias Cañete. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e Stefano Sannino, embaixador de Italia en España, protagonizaron o segundo en maio, coincidindo coa celebración do Día de Europa. O terceiro tivo lugar no mes de decembro, baixo o título “Construíndo Europa a través do financiamento comunitario- a perspectiva dos beneficiarios”.
A Comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións
Nese mandato, Galicia participa en dúas comisións do Comité das Rexións (CdR). Unha delas é a de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX), que traballa temáticas como asuntos exteriores e desenvolvemento sustentable.
O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.