• O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou o novo ciclo de encontros virtuais da FGE
  • A Xunta e a Comisión Europea abordan o programa de traballo da Comisión para 2021 e as súas implicacións para o Goberno galego a medio prazo
  • A Fundación Galicia Europa reanuda o seu ciclo de encontros virtuais tras a súa designación como apoio técnico á comisión Next Generation Galicia
 
Bruxelas, 27 de xaneiro de 2021. A Xunta e a Comisión Europea retomaron hoxe o ciclo de encontros virtuais Next Generation Galicia, organizado pola Fundación Galicia Europa co obxectivo de seguir achegando aos responsables da Administración autonómica todas as novidades da axenda comunitaria e de ofrecer apoio técnico á comisión Next Generation Galicia, posta en marcha polo Goberno galego o pasado outubro.
O director de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, participou no encontro inaugural, moderado pola directora da oficina da Institución en Bruxelas, Ana Ramos, onde destacou a importancia deste ciclo nun momento como o actual, no que as accións que se están poñendo en marcha a nivel europeo resultan claves de cara a recuperación e a transformación económica de Galicia.
Tras a súa intervención, unha ampla representación da Xunta puido analizar coa galega Sonia Vila, xefa da Unidade do centro de asesoramento presidencial IDEA e coordinadora de políticas no gabinete da presidenta da Comisión Europea, o programa de traballo da institución para 2021 e como este pode afectar á administración autonómica a medio prazo.
 
Programa de traballo da Comisión Europea
O programa, adoptado pola Comisión o pasado 19 de outubro de 2020, establece as seis prioridades principais do organismo comunitario para 2021: aplicar o Pacto Verde Europeo, configurar a Década Dixital, conseguir unha economía ao servizo das persoas, facer que Europa sexa máis forte no mundo, fomentar unha Europa libre e segura, protexer e reforzar a democracia e defender os valores europeos comúns.
 
Ciclo de encontros virtuais Xunta-UE da FGE
Primeiro baixo o nome de “Galicia na recuperación económica da UE” e agora baixo o nome “Next Generation Galicia”, o ciclo de encontros virtuais da FGE tratou, desde a súa posta en marcha en setembro de 2020, numerosos temas de relevancia para Galicia, como a transición verde, a Estratexia Industrial para Europa ou a futura política de cohesión 2021-2027. Nestes encontros participaron numerosos responsables políticos técnicos dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia e da Comisión Europea. Co cambio de nome, a FGE responde á súa designación como estrutura de apoio técnico á comisión Next Generation Galicia, creada polo Goberno galego para identificar proxectos susceptibles de ser financiados polo instrumento europeo de recuperación NextGenerationUE.