Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Bolsas FGE » A Xunta forma cinco novos bolseiros na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas

A Xunta forma cinco novos bolseiros na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas

24/08/2022 |

— O período de prácticas para as persoas seleccionadas arrinca o día 5 de setembro

— A través destas bolsas anuais, persoas tituladas galegas poden especializarse en temas europeos como o financiamento ou a elaboración de políticas e lexislación comunitaria.

— Durante os case 30 anos de funcionamento, a iniciativa beneficiou máis de 500 persoas

Bruxelas, 24 de agosto de 2022 – A Xunta forma cinco novos bolseiros na oficina da Fundación Galicia Europa (FGE) en Bruxelas, que comezan a súa formación o vindeiro 5 de setembro. As persoas seleccionadas incorporaranse durante once meses ao equipo da FGE para facer prácticas relacionadas co seguimento e información das políticas comunitarias e coa participación de Galicia nos asuntos europeos. Unha das bolseiras estará especializada no ámbito da I+D+i grazas a un acordo de colaboración coa Axencia Galega de Innovación e as súas prácticas prolongaranse doce meses.

Das cinco bolsas convocadas este ano, catro estaban dirixidas a titulados universitarios e unha a titulados superiores de formación profesional no ámbito da administración. Os tres mozos e dúas mozas escollidos superaron un proceso de selección ao que se presentaron máis de 30 candidaturas, consistente nunha valoración de méritos e unha entrevista.

A Fundación Galicia Europa convoca anualmente estas prácticas que lle permiten á mocidade galega completar e enriquecer a súa formación no ámbito europeo. O obxectivo é facilitarlle a mobilidade e o acceso ao mercado laboral á poboación nova, ademais de darlle a oportunidade de traballar nunha contorna europea e multicultural.

A formación e sensibilización sobre Europa en Galicia é un dos catro grandes ámbitos de actuación da Fundación Galicia Europa

Dende que a FGE puxo en marcha a iniciativa, hai case 30 anos, máis de 500 persoas se beneficiaron dalgunhas das modalidades de bolsas ofertadas. Moitas delas traballan hoxe na administración comunitaria e en diversas entidades galegas especializadas na xestión de proxectos europeos.

Cómpre sinalar que a formación e sensibilización sobre Europa en Galicia é un dos catro grandes ámbitos de actuación da Fundación Galicia Europa, xunto coa da defensa dos intereses de Galicia ante a UE, a promoción da participación galega en proxectos europeos e a información sobre a Unión Europea en Galicia.

Consulta neste enlace a resolución da adxudicación das bolsas.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data