- A Fundación Galicia Europa reúne, unha semana máis, á Xunta e á Comisión Europea no seu ciclo de encontros virtuais “Galicia na recuperación económica da UE”
- A nova PAC estará orientada ao cumprimento dos obxectivos do Pacto Verde, en sintonía coas estratexias de Biodiversidade e “Da granxa á mesa”
Bruxelas, 2 de decembro de 2020. Hoxe, a Xunta e a Comisión Europea déronse cita unha vez máis no ciclo de encontros virtuais da Fundación Galicia Europa “Galicia na recuperación económica da UE”. Nesta ocasión ambos organismos abordaron a nova Política Agraria Común (PAC).
A directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, moderou este décimo encontro virtual, durante o que destacou, ante unha ampla representación da Xunta, a importancia da reconsideración da relación entre o ser humano e os ecosistemas, especialmente, tras a crise da Covid-19, e sinalou, ademais, o papel esencial que neste novo marco xogarán o campo e a cadea agroalimentaria.
Tras esta intervención, os participantes da Xunta puideron coñecer da man do xefe de unidade adxunto de Perspectivas Políticas da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea (DG AGRI), Rricard Ramon i Sumoy, os detalles da “arquitectura verde” da nova PAC e as implicacións que as estratexias europeas de Biodiversidade para 2030 e “Da granxa á mesa”, presentadas no mes de maio, supoñerán para a definición dunha PAC orientada ao cumprimento dos obxectivos do Pacto Verde europeo.
Galicia na recuperación económica da UE
Este encontro é o noveno dun ciclo organizado pola FGE que ten como obxectivo achegar á administración galega as políticas europeas que guían o Plan de Recuperación para Europa e o novo marco financeiro plurianual 21-27. Os anteriores encontros trataron temas, como o futuro Fondo de Transición Xusta, a nova estratexia industrial da UE, a próxima xeración de fondos de política rexional, o instrumento temporal “Next Generation EU” ou os retos dixitais da UE.