- A FGE reúne á Xunta e a Comisión Europea no seu
ciclo de encontros virtuais “Galicia na recuperación económica da UE”
Bruxelas, 4 de novembro de 2020. Esta mañá, a Xunta
participou, novamente, no ciclo de encontros virtuais da Fundación Galicia
Europa (FGE) “Galicia na recuperación
económica da UE”, para abordar xunto á Comisión Europea o papel da I+D+i na
recuperación económica da Unión, tras a crise sanitaria provocada pola
Covid-19.
Neste sétimo encontro, moderado pola directora da oficina
da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, unha ampla representación
da Xunta puido coñecer de man do xefe de equipo na unidade “Crecemento e
Innovación” do Centro Común de Investigación (JRC) da Comisión Europea e
coordinador da Plataforma de Estratexias de Especialización Intelixente,
Manuel Palazuelos Martínez, as fórmulas
para acelerar as transformacións ecolóxica e dixital da Unión, a través da
aliñación dos investimentos e reformas en I+D+i a escala nacional e europea e
das Estratexias rexionais para a especialización intelixente.
Ademais, durante o encontro os asistentes puideron debater sobre as diferentes plataformas temáticas que están a por en marcha proxectos de I+D+i, como as destinadas aos sectores da agricultura, enerxía ou industria, co fin de avanzar no cumprimento dos obxectivos do Pacto Verde Europeo.
Galicia na recuperación económica da UE
Este encontro é o sétimo dun ciclo organizado pola FGE que ten como obxectivo achegar á administración galega as políticas europeas que guían o Plan de Recuperación para Europa e o novo marco financeiro plurianual 21-27. Os seis primeiros encontros trataron temas, como o futuro Fondo de Transición Xusta, a nova estratexia industrial da UE, a próxima xeración de fondos de política rexional, o instrumento temporal Next Generation EU ou os retos dixitais da UE.