Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Encontros Virtuais »
A Xunta e a Comisión Europea analizan a transformación da mobilidade en Europa
— A directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa inaugurou o terceiro encontro do ano do ciclo «FGE | NextGeneratiOn Galicia».
— A directora resaltou a importancia de diversas iniciativas rexionais existentes no ámbito da automoción, como a recentemente creada Alianza de Rexións con Industrias da Automoción (ARA).
Bruxelas, 26 de abril de 2023. A directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, inaugurou o terceiro encontro do ano do ciclo “FGE | NextGeneratiOn Galicia”, o foro de debate mensual no que a Xunta e as institucións europeas intercambian información sobre as políticas europeas de maior repercusión para Galicia. A reunión, dedicada a abordar a transformación do ecosistema europeo da mobilidade, contou coa participación dun representante da Comisión Europea e de Fernando Guldrís Iglesias, director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
O ecosistema europeo da mobilidade emprega a 14,6 millóns de persoas e inclúe 1,8 millóns de empresas, das cales un 99,7% son pemes. Os seus diferentes sectores (automoción, ferrocarril e transporte marítimo) xa están comprometidos coa súa transición verde e dixital, aínda que avanzan a diferentes ritmos e afrontan desafíos específicos, como a reasignación e a capacitación da man de obra.
Ana Ramos afirmou: «En ARA e no CoRAI, Galicia pode elevar a súa voz de maneira conxunta e influír no desenrolo de respostas lexislativas axeitadas ás súas necesidades, contribuíndo a unha transición “xusta e integradora” no sector da automoción»
En Galicia, destaca o peso do sector da automoción na súa economía, ó representar preto do 14% do seu PIB e empregar a máis de 23 000 persoas, o que se corresponde con case o 14% de todo o emprego industrial de Galicia. Ó igual que no resto de rexións automobilísticas da UE, a transición a turismos e furgonetas de cero emisións pode supoñer desafíos particularmente complicados, polo que Galicia participa en dous foros rexionais auspiciados polo Comité Europeo das Rexións (CdR): o Grupo Interrexional sobre o futuro do automóbil (CoRAI) e a Alianza de Rexións con Industrias da Automoción (ARA). En ambos, impúlsanse todas aquelas iniciativas que fomenten unha transición xusta para as rexións automobilísticas europeas, en colaboración coas institucións europeas e outras partes interesadas.