• A Comisión Europea recomenda que os Plans Nacionais de Recuperación e
    Resiliencia destinen o 20% dos recursos á transición dixital

  • A Fundación Galicia Europa reúne á Xunta e á Comisión Europea no quinto
    encontro virtual do ciclo “Galicia na recuperación económica europea”

 

 

Bruxelas, 21 de outubro de 2020. Esta mañá, a Xunta de Galicia e a Comisión
Europea déronse cita no ciclo de encontros virtuais “Galicia na recuperación
económica dá UE”, organizado pola Fundación Galicia Europa, para abordar os
retos da Unión Europea no ámbito dixital.

 

Neste quinto encontro virtual, sete departamentos da Administración
autonómica puideron coñecer da man da directora en funcións de “Estratexia e difusión de políticas” na Dirección Xeral de Redes de
Comunicación, Contidos e Tecnoloxías (DG CONNECT), Lorena Boix, os detalles da
estratexia dixital europea. Unha estratexia que se apoiará no plan de
Recuperación para Europa e que ten como obxectivo impulsar a recuperación
económica e a competitividade, a través do fortalecemento dos investimentos en
supercomputación, intelixencia artificial, ciberseguridade, habilidades
dixitais avanzadas e interoperabilidade.

 

Para conseguir estes obxectivos, a Comisión reforzará os investimentos no ámbito dixital co Programa Europa dixital 20-27, previsto no Marco Financeiro Plurianual (MFP) e propón tamén que o 20% dos recursos
dos Plans Nacionais de Recuperación e Resiliencia, que os Estados han de elaborar
para acceder ao apoio económico do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR),
vaian destinados ao ámbito dixital. Unha cifra que, no caso español, ascende a
un 33%, segundo o Plan Nacional feito público recentemente polo presidente do
Goberno, Pedro Sánchez.

 

Ademais dos investimentos previstos no Plan de Recuperación para Europa,
como parte da estratexia da UE no ámbito dixital, a Comisión presentará accións
lexislativas sobre intercambio de datos e gobernanza, así como unha Lei de
Datos e unha Lei de Servizos Dixitais, que se unirán a outras medidas xa
adoptadas pola Comisión, como o paquete de medidas sobre as finanzas dixitais,
o pasado mes de setembro.

 

 

 

Galicia na recuperación económica
da UE

 

Este encontro é o quinto dun ciclo organizado pola
FGE que ten como obxectivo achegar á Administración galega as políticas
europeas que guían o Plan de Recuperación para Europa e o novo marco financeiro
plurianual 21-27. Os catro primeiros encontros versaron sobre o futuro Fondo de
Transición Xusta, a nova estratexia industrial
da UE, a próxima xeración de fondos de política
rexional e o instrumento temporal Next Generation EU.