- A Fundación Galicia Europa reúne, unha semana máis á Xunta e a Comisión Europea no seu ciclo de encontros cirtuais ”Galicia na recuperación económica da UE
Bruxelas, 18 de novembro de 2020. Hoxe, a Xunta e a Comisión Europea déronse cita, unha semana máis, no ciclo de encontros virtuais organizados pola Fundación Galicia Europa (FGE) “Galicia na recuperación económica dá UE”. Nesta ocasión, ambos os organismos abordaron as políticas de biodiversidade da Unión Europea.
Durante este noveno encontro virtual, moderado pola directora da oficina en Bruxelas da FGE, Ana Ramos, unha ampla representación da Xunta puido coñecer da man da técnico na Dirección Xeral de Medio da Comisión Europea, Lucía Iglesias Blanco, os detalles da estratexia de biodiversidade da Unión para 2030, así como a axenda que seguirá a UE nesta materia a nivel global, baseada en aspectos como a diplomacia ambiental, a gobernanza internacional dos océanos, a cooperación internacional e as políticas comercial e climática. Ademais, esta reunión permitiu aos departamentos da Xunta identificar as oportunidades que a aplicación destas políticas pode ofrecer ás cidades e ás rexións, de cara a impulsar a súa recuperación económica a través de aspectos como a creación de emprego.
Galicia na recuperación económica da UE
Este encontro é o noveno dun ciclo organizado pola FGE que ten como obxectivo achegar á administración galega as políticas europeas que guían o Plan de Recuperación para Europa e o novo marco financeiro plurianual 21-27. Os anteriores encontros trataron temas, como o futuro Fondo de Transición Xusta, a nova estratexia industrial da UE, a próxima xeración de fondos de política rexional, o instrumento temporal “Next Generation EU” ou os retos dixitais da UE.