Actualidade

Portada » Actualidade » A Xunta e a Comisión Europea abordan as novas misións da UE

A Xunta e a Comisión Europea abordan as novas misións da UE

30/03/2022 |


—  O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugura o terceiro encontro do ano do ciclo “FGE | Next Generation Galicia” da Fundación Galicia Europa. 

— Gamallo incide na importancia de involucrar a todos os actores rexionais e, especialmente, aos ecosistemas de Innovación e Investigación para conseguir que estas cinco Misións xeren un impacto duradeiro e sostible.

Bruxelas 30 de marzo de 2022.– O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou esta mañá o terceiro encontro do ano do ciclo FGE | Next Generation Galicia, o foro de debate mensual, moderado pola directora da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, no que a Xunta e a Comisión Europea debaten sobre as políticas comunitarias de maior repercusión para a comunidade galega.

Nesta ocasión, abordáronse coa experta nacional destacada na Dirección Xeral de Investigación e Innovación da Comisión Europea, a galega Rosa Correa, as novas Misións da UE coas que a Unión Europea quere dar respostas a algúns dos maiores retos actuais: a loita contra o cancro, a adaptación ao cambio climático, a protección dos mares e augas, a transformación das cidades para que sexan máis ecolóxicas e intelixentes e a restauración dos solos para garantir a seguridade alimentaria.

Trátase dun novo modo de traballar para acadar obxectivos ambiciosos de aquí a 2030, que abarca tanto o fomento da I+D+i nestas áreas como o desenvolvemento lexislativo e a participación cidadá. Polo tanto, como destacou Jesús Gamallo durante a súa intervención, “é importante involucrar a todos os actores rexionais, así como aos seus ecosistemas de Innovación e Investigación, para poder xerar un impacto que sexa duradeiro e sostible”.

Así mesmo, o director fixo fincapé na idoneidade de apoiar as prioridades das diferentes Misións mediante as Estratexias de Especialización Intelixente (RIS3), que articulan as actuacións en I+i das rexións e seguen sendo un requisito indispensable para acceder ós fondos estruturais europeos. A RIS3 para o período 21-27, na que Galicia segue traballando, xa incorpora as prioridades da UE para os próximos anos, como a nova Estratexia Industrial, a aplicación do Pacto Verde ou a transformación dixital. 

Encontros virtuais entre a Comisión Europea e a Xunta de Galicia

O ciclo de encontros FGE |NextGeneration Galicia reúne cada mes á Xunta de Galicia con representantes da Comisión Europea para abordar de forma conxunta as políticas impulsadas desde a UE. Desde a súa posta en marcha en setembro de 2020, e con máis de 20 encontros celebrados, este ciclo ten servido para debater multitude de temas da axenda comunitaria, como a Estratexia Industrial para Europa, o Pacto Verde ou a Axenda Dixital Europea.

 
 
 
 
 
 
 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data