Actualidade
Portada » Actualidade » Novas »
A Xunta e a Comisión Europea abordan as consecuencias sociais e económicas da transición ecolóxica
- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugura o cuarto encontro do ano do ciclo “FGE | NextGeneratiOn Galicia”, organizado pola Fundación Galicia Europa.
- Jesús Gamallo incide na necesidade de contar con instrumentos como o Fondo de Transición Xusta, do que Galicia é beneficiaria, que axudan a impulsar as oportunidades que brinda a transición ecolóxica.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou esta mañá o cuarto encontro do ano do ciclo “FGE | NextGeneratiOn Galicia”, o foro de debate mensual, moderado pola directora da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, no que a Xunta e a Comisión Europea intercambian información sobre as políticas comunitarias de maior repercusión para Galicia.
O director xeral indicou que a transición ecolóxica implica cambios estruturais que derivan na diminución das economías e dos niveis de emprego de moitas rexións europeas. Para paliar esta situación son precisos instrumentos como o Fondo de Transición Xusta (FTX), que asignará máis de 100 millóns de euros á provincia de A Coruña por ter sido identificada como zona de transición xusta, debido ao peche das centrais de As Pontes e de Meirama. Jesús Gamallo tamén subliñou o papel da Fundación Galicia Europa, que xa organizou múltiples reunións de alto nivel entre as institucións europeas e o Goberno galego para tratar as implicacións da aprobación do FTX, ao tempo que colabora coa Dirección Xeral de Planificación Enerxética e co IGAPE no seguimento desta materia.
Tras a súa intervención, senllos representantes das Direccións Xerais de Enerxía e de Política Rexional da Comisión Europea afondaron no funcionamento do Mecanismo de Transición Xusta (MTX), proposto polo executivo comunitario para asegurar que a transición ecolóxica sexa en todo caso “xusta e integradora”. O MTX tratará de mobilizar durante o período 21-27 preto de 55 mil millóns de euros en investimentos públicos e privados a través dos seus tres piares: un réxime de Transición Xusta no marco de InvestEU, un instrumento de préstamos ao sector público e un Fondo de Transición Xusta. Porén, o acceso a este financiamento só se garantirá mediante os Plans Territoriais de Transición Xusta, aínda pendentes de aprobación.
Encontros virtuais entre a Comisión Europea e a Xunta de Galicia
O ciclo de encontros FGE |NextGeneratiOn Galicia reúne mensualmente á Xunta de Galicia con representantes das institucións europeas para abordar de forma conxunta as políticas impulsadas desde a UE. Desde a súa posta en marcha en setembro de 2020, e con máis de 20 encontros celebrados, este ciclo impulsou o debate de multitude de temas da axenda comunitaria, como a Estratexia Industrial para Europa, o Pacto Verde ou a Axenda Dixital Europea.
