Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Asuntos Marítimos » A Xunta e a Comisión Europea abordan a nova estratexia comunitaria para impulsar unha economía azul sostible

A Xunta e a Comisión Europea abordan a nova estratexia comunitaria para impulsar unha economía azul sostible

07/07/2021 |

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou hoxe o sexto encontro do ciclo “FGE | Next Generation Galicia”, da Fundación Galicia Europa, no que destacou a importancia de fomentar a sostibilidade dos sectores económicos vencellados ao mar na Unión Europea e, especialmente, en Galicia
  • Unha ampla representación da Xunta puido profundar, da man dun representante da Comisión Europea, na recente comunicación coa que se pretende reducir o impacto climático de sectores como o transporte marítimo, a pesca, a acuicultura ou a construción naval, en liña cos obxectivos do Pacto Verde Europeo

Bruxelas, 7 de xullo de 2021. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou hoxe a sexta reunión do ciclo de encontros virtuais da Fundación Galicia Europa “FGE | Next Generation Galicia”, no que a Xunta e a Comisión Europea puideron abordar o novo enfoque estratéxico para promover unha economía azul sostible.

Durante o encontro, moderado pola directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, Gamallo destacou, por unha banda, o peso económico da economía azul na UE, que anualmente proporciona 4,5 millóns de empregos directos a nivel comunitario e xera un volume de negocio superior aos 650 000 millóns de euros, e, por outra, a súa especial importancia para Galicia, tanto polas características xeográficas da rexión como polas súas particularidades socioeconómicas.

Neste sentido, o director xeral recordou que a Xunta traballa dende hai máis de dez anos en impulsar a economía azul, con investimentos que superan os 80 millóns de euros, ou apoiando iniciativas como a da Autoridade Portuaria de Vigo, pioneira á hora de elaborar e poñer en marcha a súa propia estratexia de crecemento azul.

Tras a intervención do director, unha ampla representación da Xunta puido afondar co responsable de políticas na Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea, Manuel Pleguezuelo, en todos os aspectos deste novo enfoque comunitario para acadar unha economía azul sostible, reducindo o impacto climático dos sectores que a compoñen, como o transporte, a pesca, a acuicultura, os portos ou os estaleiros, en liña cos obxectivos do Pacto Verde. O financiamento europeo haberá de contribuír a esta transformación mediante investimentos en I+i de cara a crear cadeas de valor máis sostibles e reforzar as competencias dos profesionais destes sectores.

Ciclo de encontros virtuais Xunta-UE da FGE

Primeiro baixo o nome de Galicia na recuperación económica da UE e agora como “FGE | Next Generation Galicia”, o ciclo de encontros virtuais da FGE tratou, desde a súa posta en marcha en setembro de 2020, numerosos temas de relevancia para Galicia como a transición verde, a Estratexia Industrial para Europa ou a futura política de cohesión 2021-2027. Nestes encontros participan responsables políticos e técnicos dos departamentos da Xunta e da Comisión Europea. Co cambio de nome, a FGE quere subliñar o rol que está a desempeñar para dar apoio técnico á comisión Next Generation Galicia, creada polo Goberno galego para identificar proxectos susceptibles de ser financiados polo instrumento europeo de recuperación NextGeneration EU.

Documentos para descarga: aquí

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data