Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Encontros Virtuais » A Xunta e a Comisión Europea abordan a estratexia da UE para a transformación do transporte cara un modelo máis sostible

A Xunta e a Comisión Europea abordan a estratexia da UE para a transformación do transporte cara un modelo máis sostible

25/01/2022 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, defende unha transición xusta e integradora no eido da mobilidade sostible e remarca a importancia para o Goberno galego desta materia, que forma parte das propostas presentadas ao Goberno central para a súa incorporación no Plan de Recuperación español.

— Nesta ocasión analizáronse as iniciativas europeas en mobilidade co gabinete da Comisaria de Transportes, unha cuestión de relevancia para Galicia xa que o transporte representa o 13,5% do PIB galego e dá traballo a máis de 40.000 persoas en sectores como a automoción.

— A Fundación Galicia Europa retoma co comezo do 2022 o ciclo de encontros virtuais ”FGE | Next Generation Galicia”, cos que establece un punto de contacto mensual entre a Xunta e a Comisión Europea. 

 

Bruxelas, 25 de xaneiro de 2022. – O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou hoxe o primeiro encontro virtual do 2022 do ciclo ”FGE | Next Generation Galicia”, o punto de encontro mensual establecido pola Fundación Galicia Europa entre a Xunta e a Comisión Europea que, nesta ocasión, estivo dedicado a abordar a Estratexia de mobilidade sostible e intelixente da UE, así como o conxunto de propostas lexislativas enmarcadas na mesma.

Durante a súa intervención, o director recordou que o sector do transporte supón o segundo motivo de gasto para os fogares europeos, e que no caso de Galicia, supón un 13,5% do seu PIB e dá emprego a máis de 40. 000 persoas en sectores como o da automoción.

Gamallo resaltou o compromiso do Goberno galego cunha transición ecolóxica xusta e integradora, tal e como se recolle na batería de propostas presentadas ao Goberno central para a súa incorporación no Plan Nacional de Recuperación e Resiliencia. Entre as propostas, o director destacou o proxecto ”AutoÁncora”, que ten por obxectivo crear un laboratorio de integración de tecnoloxías de propulsión limpa e construír unha infraestrutura para o desenvolvemento e a validación de vehículos de nova xeración.

Tras a intervención do director, unha ampla representación da Xunta puido abordar xunto ao membro do gabinete da comisaria de Transporte, Pablo Fábregas, os últimos pasos dados pola Comisión Europea e as últimas propostas lanzadas no marco da súa Estratexia de mobilidade sostible e intelixente e do Pacto Verde Europeo, que van dende a revisión dos estándares de CO2 ata a revisión da Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T). Unha rede sobre a que Galicia recolle con satisfacción a súa recente revisión, que inclúe o tramo ferroviario entre Oporto e Vigo a executar antes do 2040.

 

Ciclo de encontros virtuais Xunta-UE da FGE

 

Primeiro baixo o nome de Galicia na recuperación económica da UE e agora como “FGE | Next Generation Galicia”, o ciclo de encontros virtuais da FGE tratou, desde a súa posta en marcha en setembro de 2020, numerosos temas de relevancia para Galicia como a transición verde, a Estratexia Industrial para Europa ou a futura política de cohesión 2021-2027. Nestes encontros participan responsables políticos e técnicos dos departamentos da Xunta e da Comisión Europea. Co cambio de nome, a FGE quere subliñar o rol que está a desempeñar para dar apoio técnico á comisión Next Generation Galicia, creada polo Goberno galego para identificar proxectos susceptibles de ser financiados polo instrumento europeo de recuperación Next Generation EU.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data