Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Medioambiente e clima »
A Xunta defende unha participación rexional nos desafíos climáticos da Unión Europea
— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR) na que se debateu sobre a próxima Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático
— A política de cohesión, o instrumento NextGenerationEU e as transicións ecolóxica, dixital e enerxética tiveron moito peso no transcurso do pleno
Bruxelas, 17 de outubro de 2022. O Comité Europeo das Rexións (CdR) celebrou a súa 151ª sesión plenaria na que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou en representación de Galicia. A 27ª Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP27), que se celebrará en Exipto no mes de novembro, foi un dos temas abordados para reivindicar unha maior participación das rexións e cidades na loita contra o cambio climático.
O pleno coincidiu coa vixésima edición da Semana Europea das Rexións e das Cidades, na que están a celebrarse máis de 300 actos sobre o papel das rexións e os entes locais nas transicións ecolóxica, dixital e enerxética, a cohesión territorial e o empoderamento da mocidade europea, coincidindo co Ano Europeo da Xuventude.
Así, o CdR aprobou dous ditames sobre o seu rol na COP27 como órgano rexional da Unión Europea. O primeiro, O papel do CdR no impulso da diplomacia climática subnacional de cara á COP27 e a COP28, foi elaborado pola comisión CIVEX, da que Galicia forma parte. Neste documento abórdanse os retos da participación rexional na loita contra o cambio climático, incítase á participación dos gobernos locais e rexionais nas negociacións dos obxectivos climáticos globais e lémbrase a dimensión de xénero da crise climática, así como a participación da mocidade.
O segundo ditame, Cara a unha inclusión estrutural das cidades e rexións na COP27, recolle as conclusións do sexto Informe de Avaliación do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (GIECC). Neste documento, o GIECC manifesta o dano considerable que amosan os ecosistemas do mundo, confirmando que moitos efectos do cambio climático xa son irreversibles.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reaccionou positivamente ás decisións tomadas no pleno, xa que “é vital vincular as políticas climática, medioambiental e social para garantir que ninguén quede atrás”. Ademais, o director xeral lembrou que “Galicia é pioneira” no obxectivo da neutralidade climática para o ano 2050, sinalando que a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía de Galicia aprobouse no 2019, un ano antes que na UE.
Gamallo tamén salientou que a Xunta puxo en marcha recentemente a Alianza Galega polo Clima para implicar a toda a sociedade galega neste proceso transformador e está a traballar na futura lei galega do clima, que fará de Galicia unha das poucas comunidades españolas en lexislar nese eido”.
Os fondos NextGenerationEU e o futuro de Europa, outros retos do Comité
A apertura do pleno do Comité das Rexións fíxose co Informe anual da UE relativo ao estado das rexións e cidades no 2022. O texto mostra con preocupación, no eido rexional e local, o contexto actual da invasión rusa a Ucraína e a crise enerxética. O informe pide tamén que se considere ás institucións subestatais como socios activos na transición enerxética, recoñecéndose os seus esforzos de continxencia e aforro de enerxía nos seus servizos públicos, que adoitan a ser os máis empregados no día a día pola cidadanía.
A política de cohesión é primordial para todas as administracións e representa unha porcentaxe substancial nos orzamentos da UE. Nestes últimos anos gañou en importancia e mostrouse como unha ferramenta efectiva ante situacións imprevistas, como a pandemia. O Comité pediu ter en conta, para o próximo período que comeza no 2028, a mellora do sistema de execución desta política baixo os seus principios fundamentais, sobre todo o de “non prexudicar á cohesión”.
O instrumento de recuperación NextGenerationEU foi outro dos temas relevantes no pleno. O Informe reafirma a necesidade de implicar aos organismos rexionais e locais na avaliación e execución dos cartos, así como ampliar os prazos das medidas de recuperación ata que as rexións volvan á situación anterior á pandemia.
No relativo ao futuro de Europa, o pleno do CdR apoiou a convocatoria dunha Convención para a revisión dos Tratados, tal e como manifestou a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, no seu discurso do estado da Unión no pasado mes de setembro. O papel das rexións na Conferencia sobre o Futuro de Europa foi decisivo, xa que moitas das propostas xurdiron no eido subestatal.
Máis información: Xunta de Galicia