Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » A Xunta defende na asemblea de rexións do Arco Atlántico o corredor ferroviario e a creación dunha macrorrexión atlántica

A Xunta defende na asemblea de rexións do Arco Atlántico o corredor ferroviario e a creación dunha macrorrexión atlántica

23/05/2023 |

— A Asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico abordou os principais ámbitos de cooperación entre as rexións atlánticas europeas como o transporte, a transición verde e os asuntos marítimos.

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou nos debates referidos á cooperación transatlántica, enerxías renovábeis mariñas e transición verde.

Cardiff (Gales), 23 de maio de 2023. A Xunta de Galicia, representada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM). O encontro, celebrado en Cardiff, serviu de impulso para a proposta de creación dunha macrorrexión atlántica, invitando ao Goberno de España a tela como prioridade na súa presidencia do Consello da UE. De saír adiante, sería a quinta macrorrexión en constituírse e permitiría unha cooperación máis estruturada entre as rexións membro, máis aló da actual estratexia marítima atlántica.

O Goberno galego participou activamente na elaboración da declaración conxunta, na que se destaca como os retos actuais do arco atlántico precisan dunha cooperación superior á existente, sendo a creación da macrorrexión atlántica fundamental e xustificada. A creación deste foro, segundo a declaración, debe contar con representación rexional. Ademais, a posta en marcha do corredor atlántico é considerada como un paso fundamental na cohesión e desenvolvemento destas rexións.

A declaración tamén fai balance da intención da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo nas áreas mariñas protexidas, demandando un diálogo real co sector e as rexións concernidas antes de propoñer calquera cambio lexislativo na actual Política Pesqueira Común. A ampla participación galega neste encontro foi unha mostra da importancia da industria marítima na comunidade, así como a autoridade neste eido a nivel comunitario.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou nos debates referidos á cooperación transatlántica, enerxías renovábeis mariñas e transición verde. Xunto a el tomaron parte outros galegos como Paloma Rueda, directora do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), ou Enrique Mallon, director da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME).

Gamallo expuxo fronte os participantes a axenda enerxética de Galicia que fixa como obxectivo para 2030 que as renovables representen preto do 85 % da xeración eléctrica e 58 % do consumo, obxectivos máis ambiciosos cos fixados a nivel europeo. Tamén destacou a necesidade de investir en formación e reforzo das capacidades para facer fronte e aproveitar o potencial da transición ecolóxica. Sobre a cooperación transatlántica, o director xeral lembrou que “as comunidades galegas máis importantes no exterior están na outra beira do Atlántico. Ademais, os lazos lingüísticos e culturais coa lusofonía achégannos en moitos eidos, incluída a pesca”.

Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas

Nada en 1973, reúne a máis de 160 rexións da Unión Europea e doutros países. Ten entre os seus obxectivos o desenvolvemento máis equilibrado do territorio europeo, orientando a súa acción cara a toma en consideración nas políticas europeas das necesidades e intereses das súas rexións membro. Céntrase principalmente na cohesión social, económica e territorial, as políticas marítimas e a mobilidade.

A Comisión do Arco Atlántico é unha das súas seis comisións xeográficas. Reúne a 17 rexións de Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal co obxectivo de promover conxuntamente o seu potencial e a afrontar retos comúns. Galicia pertence a ela dende a súa creación en 1989.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data