Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Cohesión » A Xunta defende a cohesión territorial de cara a próxima revisión do orzamento comunitario no pleno do Comité das Rexións

A Xunta defende a cohesión territorial de cara a próxima revisión do orzamento comunitario no pleno do Comité das Rexións

26/05/2023 |

— O Goberno galego fixo aportacións á elaboración de dous ditames sobre a revisión do actual marco financeiro plurianual da UE e sobre a necesidade dun marco lexislativo adecuado que garanta a sustentabilidade do sistema alimentario

— A Fundación Galicia Europa estivo presente no pleno asisitindo ao director xeral

Bruxelas, 25 de maio de 2023. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR) representando a Galicia. A axenda do encontro estivo marcada pola reconstrución de Ucraína, cunha conferencia sobre o papel dos gobernos locais e rexionais no proceso de recuperación e reconstrución deste país; pola promoción da igualdade, a diversidade e a inclusión, cun debate coa comisaria Helena Dalli, e pola necesidade de resiliencia local para facer fronte ás catástrofes, con outro debate co comisario Janez Lenarčič.

Entre os seis ditames de opinión aprobados, destaca o referido á revisión intermedia do Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 que a Comisión Europea vai propoñer durante os próximos días. Galicia incluiu no texto emendas nas que defende o principio de “non prexudicar a cohesión” polo que ningunha acción comunitaria debe obstaculizar o proceso de converxencia económica das rexións menos desenvolvidas.

Jesús Gamallo definiu a política de cohesión como “o sostén de toda a Unión Europea. Sen as súas rexións e cidades, o proxecto europeo non ten sentido, xa que son estas administracións as que máis realizan máis investimentos para aplicar a lexislación europea”. O director xeral solicitou, por tanto, un maior apoio para que as administracións máis preto da cidadanía leven a cabo o seu cometido.

“A política de cohesión sostén toda a UE, polo que as administracións máis preto do cidadán deben ter máis apoio”

A sustentabilidade alimentaria, baixo lupa

A participación de Galicia no pleno tamén se centrou no eido da agricultura, concretamente no apoio á produción local. Así, a Xunta participou nunha emenda no ditame que demanda un marco lexislativo adecuado para aumentar a sustentabilidade dos sistemas alimentarios.

Galicia demanda que se eliminen as restricións das normas de contratación pública que dificultan a contratación de produtores locais, nos comedores escolares, por exemplo.  “Os sistemas forestais e agroforestais dedicados á produción de alimentos non só axudan á economía local, senón que son máis ecolóxicos que a importación e axudan ao coidado deses espazos, previndo incendios forestais e o seu abandono”, remarcou Gamallo.

Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data