Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Cidadanía europea » A Xunta debate no Comité Europeo das Rexións sobre as ondas de desinformación e discursos de odio en Europa

A Xunta debate no Comité Europeo das Rexións sobre as ondas de desinformación e discursos de odio en Europa

27/10/2022 |

— O director de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, participou en Mafra (Portugal) nunha reunión da Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e de Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións

— O debate centrouse na necesidade de protexer a democracia europea fronte á desinformación e os descursos de odio

Bruxelas, 27 de outubro de 2022. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión da Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais (CIVEX) do Comité das Rexións europeo (CdR) en Mafra (Portugal), onde se abordaron as ameazas menos tanxibles e máis crecentes da democracia europea: a desinformación e os discursos de odio.

Na reunión tratouse a inclusión da incitación ao odio e dos delitos de odio na lista de delitos da UE co fin de construír unha Europa máis inclusiva e protectora. Esta demanda nace dunha comunicación presentada pola Comisión Europea en decembro de 2021 e espérase que a esa comunicación lle siga unha Decisión do Consello pola que finalmente se amplíe a actual lista dos chamados “delitos da UE”.

No encontro debateuse, ademais, a necesidade de impulsar o papel dos entes locais e rexionais para reforzar a identidade e a cidadanía europeas, xa que os delitos de odio son un reto europeo común con repercusións transfronteirizas. Neste sentido, Jesús Gamallo salientou que é necesario “actuar legalmente a nivel da UE porque estes delitos afectan ás comunidades rexionais e locais en todo o espazo comunitario”.

O pasado mes de xuño, Jesús Gamallo presentou en Atenas, en colaboración coa relatora Aleksandra Dulkiewicz, alcaldesa de Gdansk, un borrador de ditame sobre a inclusión destes delitos na lista de “delitos da UE”. Para o director xeral, é chave “reforzar ese marco xurídico en materia de incitación ao odio para facerlle fronte en todos os estados membros da UE”.

Gamallo instou en Mafra xunto con Dulkiewicz ao Comité das Rexións a apoiar o obxectivo da Comisión Europea e a pedir un papel máis forte dos entes rexionais e locais no apoio á acción sobre o terreo.

Na reunión da Comisión CIVEX tamén se debateu arredor da Conferencia sobre o Futuro de Europa, o maior exercicio de democracia participativa que busca promover non só a participación cidadá en xeral, senón a xuvenil en particular, especialmente no Ano Europeo da Xuventude 2022.

A Comisión CIVEX estivo liderando o traballo do Comité das Rexións en relación coa desinformación e o discurso de odio, entre outros eidos, así como configurando a súa contribución á Conferencia sobre o Futuro de Europa, para o que solicitou un estudo sobre a desinformación na UE.

A Comisión CIVEX do Comité das Rexións

O Comité Europeo das Rexións representa os entes locais e rexionais da Unión Europea,  e asesora sobre aquelas políticas e lexislacións que teñen un impacto directo sobre eles. Galicia conta cun membro titular e un suplente nesta asemblea política composta por 329 membros e os seus respectivos suplentes.

No actual mandato 2020- 2025, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía, polo que nestes momentos contribúe de maneira fundamental a un dos obxectivos políticos prioritarios da UE: reforzar a democracia europea.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data